Skip to main content
Vilalba

Amplíase ata o 20 de outubro a mostra ‘Tal como eramos’ en Vilalba

Por 14 Outubro, 2022Sin comentarios

O Instituto de Estudos Chairegos Pena do Encanto (Iescha), amplía ata o xoves 20 de outubro a mostra fotográfica baixo a denominación xenérica Tal como eramos. Fotos para o recordo, que chega á súa XI edición dentro da Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de Vilalba.

Esta mostra está integrada pola reprodución de 208 fotografías procedentes da fototeca do Iescha, e é posible grazas ás aportacións de moitos veciños e veciñas de Vilalba e comarca.

As fotos que compoñen a Exposición, repartidas en 26 paneis (cunha nova presentación tanto no deseño como no soporte), son de temática variada (deportes, celebracións, feiras e festas, música, nenas e nenos, grupos, oficios e actividades, paisaxes e recantos, paseos, etc.) e a maioría delas corresponden á primeira metade do pasado século XX.

Todas estas fotos, xunto coas da exposición de Tal como eramos de Guitiriz, incluiranse no apartado correspondente do Caderno de Estudos Chairegos nº 11, que se editará a finais do presente ano.