Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAMar AMARIÑAXAVilalba

Formoso defende en Vilalba a necesidade de Rueda de loitar contra o veto á pesca de arrastre

Por 16 Outubro, 2022Sin comentarios

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, advertiu en Vilalba que “a primeira viaxe de Rueda debera ser a Bruxelas” para “defender os intereses dos galegos e galegas” afectados polo veto á pesca de arrastre. Puntualizou sen embargo que “compartimos a obriga de calquera representante político galego de estreitar lazos cos galegos e galegas no exterior”.

Formoso fixo unha valoración así da viaxe do presidente da Xunta a Iberoamérica, e advertiu que neste momento “hai outras prioridades”. Afeoulle que non seguira o exemplo do presidente de Andalucía e do propio Formoso cando se desprazou hai xa semanas ata Estrasburgo para manter un encontro cara a cara co comisario de Pesca, Sinkevicius.

Lembrou que el mesmo lle trasladou ao comisario o “malestar da pesca galega e a innecesariedade de aplicación” do Regulamento. Este veto, sinalou, “afecta a case o 30 por cento da pesca galega, en portos como os de Vigo, A Coruña, Celeiro, Burela, Ribeira ou A Guarda” para protexer un medio natural que está “perfectamente preservado polos pescadores dende hai décadas”.

Sinalou así que a primeira viaxe dun presidente da Xunta debera ser á capital europea, para “poñer en valor a Galicia diante das institucións comunitarias” e defender os seus intereses fronte ao veto á pesca de arrastre e tamén no ámbito enerxético. Explicou neste sentido que “Galicia ten que liderar dende o ámbito público” o desenvolvemento das renovables “aportando valor ao espazo rural e implicando ás sociedades locais”.

Vilalba

O secretario xeral do PSdeG fixo estas declaracións logo da visita á empresa Champivil, en Vilalba, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Muller Rural. Salientou que esta empresa, “capitaneada por unha muller galega do rural”, leva décadas “poñendo en valor os produtos da terra, sabendo comercializalos, aportarlles valor engadido de coñecemento e tecnoloxía”.

O líder dos socialistas galegos avogou por “poñer en valor” o traballo destas empresas e “fomentar a figura” das entidades galegas que traballan “creando valor e emprego no rural”.