Skip to main content
Axenda CaducadaRibadeo

Comeza a oitava edición do Festival de Jazz e Blues de Ribadeo

Por 25 Novembro, 2022Sin comentarios

Comeza a oitava edición do Festival de Jazz e Blues de Ribadeo que será inaugurada ás 20.30 horas na oficina de turismo ribadense. Será nun acto no que se vai levar a cabo tamén a apertura dunha exposición retrospectiva sobre as anteriores edicións do evento. Cando se cumpre o décimo aniversario do primeiro Festival de Jazz e Blues de Ribadeo esta mostra recolle carteis, recortes de prensa e fotografías das edicións anteriores. Os carteis foron deseñados por Roberto Rodríguez Martínez e as fotos son dos ribadenses David Molejón, Elfarero, Miguel Ángel Díaz (falecido en 2020), José Antonio Lombardero e Mario Orosa, ademais de A Caixa Escura, de Burela. A exposición estará aberta ao público ata o 11 de decembro.

A continuación da inauguración terá lugar no restaurante Javier Montero a primeira cea concerto, na que actuará Pablo Sanmamed Trío. Pablo Sanmamed é un contrabaixista e compositor nacido en Santiago de Compostela, estudou piano e violonchelo no Conservatorio Superior de Música de Santiago e posteriormente contrabaixo con Dalibor Sebestnik. Participou en numerosos concertos con grandes músicos e nos mellores festivais e é autor de bandas sonoras de varias películas, que lle permitiron lograr diversos premios. Actualmente ten o seu propio trío de jazz e para esta ocasión acompáñase de Iago Mourinho ao piano e de Chus Pazos á batería.

O festival continuará o domingo 27 ás 16:00 horas nas instalacións da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo, onde impartirá un taller de canto Noa Lur, que ademais ás 18:30 horas ofrecerá un concerto dirixido @s nen@s no auditorio Hernán Naval. O espectáculo chámase Jazz por children e unha das premisas imprescindibles deste show é que nenas e nenos escoiten, canten e bailen. A interacción é un dos fortes de Jazz For Children, no que o público infantil séntese parte do espectáculo.

O repertorio, coñecido por peques e maiores, está baseado nos temas máis populares de películas de debuxos animados como Aladdin, Frozen, Gru e en standards de jazz fusionados con motivos de videoxogos como Mario Bros, bandas sonoras de cinema e composicións orixinais. Intercálanse áxiles explicacións a través dunha posta en escena teatralizada, coa que os pequenos aprenden sobre os instrumentos, sobre aspectos melódicos, harmónicos e rítmicos, sobre a historia do jazz,… É un concerto espontáneo, divertido, didáctico e familiar. A bilbaína Noa Lur foi premiada como unha das mellores voces novas do jazz europeo no festival internacional Nomme Jazz, de Estonia, e alcanzou o número 1 en vendas en Itunes Jazz co seu single Moody ́s Mood For Love, tema incluído na edición especial do seu primeiro e exitoso disco, Badakit.

O seguinte concerto será o 2 de decembro, venres, no auditorio Hernán Naval ás 20:30 horas a cargo da orquestra de jazz que crearon Pablo Castanho e Marcos Pin en Compostela no ano 2017 e da que forman parte outros 15 músicos. Tanto Pablo como Marcos concluíron os seus estudos de música no estranxeiro, en Nova Iorque (New School) e en Holanda (Royal Conservatorium) respectivamente; e é aí onde descobren a importancia que ten a formación máis glamurosa do jazz, a big band, para o desenvolvemento musical dun intérprete neste estilo. Así mesmo tanto Pablo como Marcos son prolíficos compositores e a orquestra interpreta temas clásicos do jazz e na súa maioría composicións e arranxos orixinais, o cal describe á formación como única.

O sábado 3 de decembro haberá dúas actividades gastronómicas: ás 19:30 horas un showcooking a cargo do cociñeiro, comunicador e divulgador Lucas Requejo, que preparará pratos elaborados con alimentos da provincia de Lugo e ofrecerá unha degustación nunha carpa instalada no parque de San Francisco, dentro da iniciativa denominada Jazztronomía, con acceso gratuíto; e ás 21:30 horas terá lugar unha cea concerto no restaurante El Oviedo, na que actuará a cantante Carmen Rey, que estudou no Conservatorio Superior da Coruña, onde se formou en piano, harmonía, violín e técnica vocal. Complementou os seus estudos na Escola de Música Creativa de Madrid. Comezou a súa carreira como vocalista de jazz en 1992 co Nani García Trío. Formou parte da Old Dixie Jazz Band ou Xío, ademais de compartir escenario con grandes nomes como Brian Trainor, Jorge Pardo, Perico Sambeat ou Jeff Jerolamon e colaborou con Xosé Manuel Budiño.

A seguinte actividade do festival será o domingo 4 ás 12:30 horas na carpa instalada no parque de San Francisco. Como segunda parte da iniciativa Jazztronomía Lucas Requejo ofrecerá unha experiencia gastronómica de preparación de bebidas denominada Beberaxes Blues.

O martes 6 chegará o concerto de Los Deltonos no auditorio municipal ás 20:00 horas. Los Deltonos é un grupo cántabro formado en 1986 que comezou sendo un trío, con Hendrik Röver como único guitarrista, ademais de baixo e batería. Tras varios cambios na formación só Röver segue no grupo desde a súa fundación. Desde a gravación do disco Sólido son catro os compoñentes, coa incorporación de Macaya como guitarrista. Nos seus comezos consideróuselles un grupo de rhythm and blues pero foron cambiando con cada novo traballo, incorporando sons próximos ao funk, ao power pop, e nos seus últimos discos, sobre todo en GT e Buenos tiempos, sons sureños, con máis presenza de guitarras acústicas ou a steel guitar, pero mantendo sempre un son propio e característico marcado polo estilo persoal e virtuoso á guitarra de Hendrik e as letras en castelán das súas composicións propias.

A seguinte actuación programada será o xoves 8, tamén no auditorio Hernán Naval, ás 20:00 horas. Correrá  a cargo dos cubanos Trío Mejunje, que está formado por tres dos músicos máis importantes de Santa Clara: A. Bringez, M. Olivera e Reinier El Negrón. Actualmente residen en España e levan tocando xuntos máis de 15 anos en múltiples proxectos, nacionais e internacionais, pero esta é a primeira vez que se xuntan como trío para levarnos por unha viaxe de cores musicais, enerxía, baile e improvisación, presentando o seu novo disco: Mejunje . Nomeados aos Grammy latinos en varias ocasións, cada un deles é líder nos seus propios proxectos e tocaron nos máis prestixiosos festivais de jazz, tanto nacionais como internacionais: North Sexa Jazz Festival, Montreux Jazz Festival, Jazz in Marciac, Blue Note NY, Blue Note Tokyo, Festival de Jazz de Barcelona, Festival de Jazz de Madrid, Festival de Jazz de Vitoria, Jazz a Vienne, entre outros moitos. En homenaxe á súa cidade natal escolleron o nome dun mítico centro cultural, Mejunje, para identificar a súa arte, que é unha mestura de múltiples cores sonoras, entre jazz, música clásica, afrocubana e caribeña.

O venres 9 ás 20:30 horas no auditorio municipal actuarán os estadounidenses Gisele Jackson & de The Shu Shu´s. Este concerto é o único en España da xira europea na que están actualmente. Cando a moza Gisele Jackson era unha estudante de primeiro ano na Universidade de Howard xa se atopaba sobre os escenarios de Washington DC coa súa primeira banda de soul clásica. Antes de facer de Brooklyn o seu fogar, Gisele realizou unha xira con Ray Charles no apoxeo da súa carreira e a partir de entón tamén acompañou a lendas como a inigualable Donna Summer ou o seu “padriño” James Brown. Na súa carreira xirou por máis de 18 países en América do Norte, Asia, Europa e África. Actuou en solitario nos principais clubs de jazz de USA; teloneou a artistas da talla de Tito Puente, Bette Midler, The Commodores, B-52 e unha gran cantidade de xigantes da música. Chegou a actuar nas estreas e cerimonias de premios de Hollywood e apareceu na gran pantalla cantando na película First Wives Club. Cantou na toma de presidencia de Bill Clinton e a revista Billboard elevouna á categoría de diva por mor do seu gran éxito mundial: o clásico de baile Love Commandments. Ese mesmo día no Parador de Turismo haberá cea concerto, na que actuará Matabuena Trío, formado pola cantante Mónica Matabuena e os asturianos Marco Martínez á guitarra e Arturo Valero ao contrabaixo.

E o festival rematará o domingo 11 co concerto dos franceses Red Beans & Pepper Sauce. Será no auditorio Hernán Naval ás 20:00 horas. Red Beans & Pepper Sauce fundouse en 2010 ao redor da cantante Jessyka Aké no sur de Francia. A emisión dunha das súas cancións na radio dáos a coñecer en todo o país. Esta banda de blues e soul oriéntase en lendas musicais como Jimi Hendrix e Lenny Kravitz. Teñen cinco albumes, galardóns do Festival de Blues de Cahors e dos premios French Blues Challenge, entre outros, e grandes críticas do seu último álbum nas revistas Rolling Stone Magazine, Blues Magazine , Rock & Folk e Le Parisien.

As entradas das actuacións están á venda na web gameroverpro.es, onde tamén se pode mercar un abono para cinco concertos.