Skip to main content
Comarca AMARIÑAXACultura AMARIÑAXA

Mary Fraga, Mujeres en Igualdad: “Propuxemos aos concellos pintar un banco de cor violeta”

Por 20 Novembro, 2022Decembro 18th, 2023Sin comentarios
Por Ana Somoza López.

Mary Fraga Fernández, presidenta de Mujeres En Igualdad Provincial de Lugo.

Que é Bumei?

Mujeres En igualdad Provincial de Lugo (Bumei), é unha asociación non gobernamental, sen ánimo de lucro e de interese social, que ten como obxectivo primordial a loita contra a desigualdade, a exclusión social, a violencia de xénero e promover o papel fundamental da muller en todos os ámbitos da sociedade.

Esta loita inclúe moitos campos, non?

Si. Por exemplo a denuncia expresa de toda discriminación, laboral, social, educativa cara á muller polo feito de selo, a defensa e apoio ás mulleres vítimas de violencia de xénero e aos/as fillos ou fillas se os houbese. Así como elaboración e participación en programas de cooperación e desenvolvemento nacional e internacional, destinados principalmente ás mulleres. Tamén defendemos as reivindicacións e propostas sobre igualdade de oportunidades para as mulleres e promovelas. Apoiamos a integración laboral e social das mulleres e das persoas en risco de exclusión en xeral.

Tamén fan labores de coordinación?

Si, coordinámonos con asociacións e entidades análogas, ao obxecto de asegurar a maior eficacia no cumprimento dos seus fins. Organizamos e xestionamos a despensa de alimentos de Burela, para que as mulleres vítimas de violencia de xénero, os seus fillos e as persoas en risco de exclusión teñan cubertas as súas necesidades máis básicas.

Faredes actividades polo 25N?

Efectivamente. No 25 N realizaremos diversas actividades que xa están programadas, e outras novas que aínda se están perfilando e pechando cos diferentes concellos da Mariña lucense, e tamén, noutros concellos a nivel autonómico, xa que aínda que nosa principal área de actuación centralízase na Mariña e a provincia de Lugo onde contamos con 3 locais propios e varios locais cedidos por diferentes entidades e administracións, esta asociación tamén realiza intervencións e actuacións en todas e cada unha das provincias galegas, xa que contamos con ámbito autonómico de actuación.

Que tipo de actividades?

Divulgamos a nosa campaña con charlas e actividades que temos programadas en diferentes centros escolares, nos nosos propios locais como actividades encadradas dentro da educación en igualdade, e tamén, do mesmo xeito que vén sucedendo desde hai xa 4 anos, en colaboración coa Asociación de Senderistas de Barreiros e o Club de Fútbol de Barreiros, volveremos realizar a Andaina solidaria. Ademais propúxose a todos os concellos que pinten un banco de cor violeta e cunha frase de repulsa a esta secuela, onde se lembre ás vítimas, que sirva para reflexionar. Aínda estamos á espera da contestación dalgún dos Concellos, pero confiamos en que se adhiran a esta campaña a maior parte, non o entenderiamos doutro xeito, xa que a unión fai a forza.

‘No des la espalda a la violencia de género. Plántale cara’, foi o lema do anuncio. Como xurdiu e en que consiste a campaña?

Esta campaña de sensibilización contra a violencia de xénero, xurdiu coa idea de implicar a toda a poboación na loita trasladando unha mensaxe contundente de rexeitamento á violencia, mediante a participación dos diferentes sectores de representación cidadá. Na primeira e segunda edición desta campaña editamos un calendario solidario, e no terceiro ano, debido ás resticións da pandemia ideamos a visibilización desta mesma campaña utilizando os medios de difusión, conseguimos dar continuidade a esta iniciativa e chegar coa nosa mensaxe desde Burela, alá onde co papel impreso non conseguiramos facelo.

Tivo moita repercusión?

Esta edición obtivo uns grandes resultados de visibilización para a concienciación contra a violencia de xénero en toda a comunidade autónoma, xa que foron varios os Concellos de toda Galicia que se puxeron en contacto connosco para pedirnos colaboración na loita contra esta secuela social.

De feito o ano pasado, por petición expresa de varios concellos da Mariña ampliouse esta campaña mediante a gravación dun anuncio publicitario.

Tedes repercusión entre os concellos, empresas e colectivos?

A repercusión de Bumei é enorme. Traballamos en constante cooperación e coordinación cos Servizos Sociais xa que asesoramos e acompañamos a vítimas, traballamos a prevención e axudamos a saír de situacións de exclusión. Son moitos os colectivos cos que traballamos e mantemos unha estreita colaboración e autónomos e empresas axudáronnos tamén con doazóns principalmente de alimentos para cubrir carencias en épocas puntuais.

Como se adhire á asociación?

A maneira de adherirse é cumprimentando un modelo de solicitude que se atopa publicado na nosa páxina web, mediante comunicación a algunha das directivas, ou solicitándoo telefonicamente ou por calquera outro medio.

Facedes máis actividades de concienciación?

Si, entre outras moitas contamos con mesas informativas en diferentes puntos, puntos violeta de información en diferentes eventos, xornadas, cursos e talleres de motivación e autoestima, e servizos de atención psicolóxica, xurídica e laboral.