Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

O BNG presentou as emendas aos orzamentos da Xunta para 2023

Por 13 Novembro, 2022Sin comentarios

Onte o BNG presentou en Foz as emendas aos orzamentos da Xunta para 2023. Concelleiros e membros do consello comarcal, xunto co tenente alcalde de Foz Francisco X. Fanego acompañaron ao deputado mariñao Daniel Castro e ao responsable da formación na comarca, Antonio Veiga,  na rolda de prensa donde explicaron cada unha das emendas. 

Infraestruturas básicas para os concellos mariñaos

Nunha situación como a que vive a comarca da Mariña nos últimos anos, agravada agora pola crise de prezos, a Xunta debe actuar e debe volcarse nesta comarca, afirman desde o BNG, e solicitan tamén que o Partido Popular remate co seu trato discriminatorio aos concellos que non son da súa cor política, que na Mariña son moitos. Neste sentido, o responsable comarcal Antonio Veiga afirmou que “o PP está sometendo aos concellos que non son da súa cor a un trato inxusto e discriminatorio, discriminando así aos veciños e veciñas que están gobernados por outras formacións políticas que non son o PP”. 

A nova EDAR para Barreiros é unha das propostas que presentou nas súas emendas o BNG, xunto coa nova EDAR para Burela, a construcción dos polígonos industriais  que demandan Muras, O Valadouro, Riotorto e a terceira fase do parque empresarial de Barreiros que xa está ocupado ao 100%.

A dragaxe do porto de Tupide en Foz e a modificación da bocana da entrada e outra das demandas dos nacionalistas, dado que na baixamar non se cumpren os mínimos de calado e lámina de auga que se deberían garantir. E presentan tamén unha proposta semellante  para o porto principal que tén unha canle de entrada que limita o acceso na baixamar.

A ampliación da escola infantil A Galiña Azul en Foz, un Plan de Ciclos Formativos relativos á pesca e á industria son outras das propostas do BNG. 

Daniel Castro explicou que estas emendas aos orzamentos centranse en dous piares fundamentais: a sanidade e a industria. “Despois do desmantelamento do tecido empresarial ao que o PP someteu a esta comarca na última década, nestes orzamentos vemos como segue esquecendo á Mariña e non acabamos de ver un plan de industrialización e emprego que tantas veces demandou a sociedade maríñá. E falando de desmantelamentos, outro tanto fixeron e siguen facendo coa sanidade” afirmou.

A sanidade, e especialmente a atención primaria, prioridade en toda a comarca

E en temas sanitarios, o BNG segue a demandar  a mellora da asistencia primaria e do servizo de pediatría en toda a comarca, creación de prazas de enfermeiros escolares e tamén enfermeiros especialistas en obstetricia en xinecoloxía, e recuperar o segundo técnico sanitario para a ambulancia medicalizada na Mariña.  A proposta nacionalista é incrementar en 8.000.000€ para a Mariña a consignación orzamentaria para a Atención Primaria.