Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

Reportaxe: A atención pediátrica da Mariña pide unha solución urxente

Por 19 Novembro, 2022Sin comentarios

As queixas pola falta de atención pediátrica na Mariña seguen a incrementarse e dende colectivos como a Plataforma Sanitaria ou os pais da comarca, consideran que “o servizo é deficiente nos centros de saúde” e piden “unha solución urxente ás carencias na atención primaria”.

Montse Porteiro, voceira da Plataforma Sanitaria da Mariña, comenta que “no servizo de pediatría da comarca existen polo de agora dous puntos críticos, e son Viveiro e Burela”.

No centro de saúde de Viveiro ten que haber dous pediatras para algo máis de 1600 nenos que conviven neste municipio e “nestes momentos non hai ningún, porque hai un collendo vacacións que lle corresponde e a outra profesional está de baixa”, din dende a Plataforma. Ademais este médico ten que atender tamén aos cativos de Ourol e O Vicedo.

Segundo comentan algúns pais “a primeira cita médica para o pediatra é para o 2 de decembro”, polo que están derivando a eses nenos ao servizo de urxencias ou aos diferentes médicos de familia do propio centro, “pero estes profesionais están ao borde do caos”.

En Viveiro hai catro médicos de familia en quenda de mañá de sete profesionais que tería que haber, “teñen unhas axendas desbordadas, pois todo o que pase de 35 pacientes por día e inasumible e nalgún día tiveron 85”.

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, considera “inaceptables” os problemas que desde hai tempo existen neste servizo e “non falamos dun problema puntual, levamos moito tempo así, con tempadas nas que só hai un pediatra”, lembra Loureiro, que lamenta que “a única alternativa sexa que as familias teñan que ir ata Burela, onde tamén teñen os seus problemas e prodúcese un colapso”.

“Ademais, non é só pediatría, no centro de saúde de Viveiro hai días nos que só hai dous ou tres médicos dispoñibles para unha poboación de 15.000 persoas”, afirma.

No tocante a Burela hai dous pediatras e un deles está de baixa e o outro profesional médico vén catro horas ao día e tres días á semana. “Polo que atende a 1.500 nenos en 12 horas á semana”, di Porteiro.

Segundo a voceira socialista, Patricia Otero,  “estes nenos correspondentes a este centro son atendidos por unha soa pediatra, que ten que darlle asistencia tamén ao cupo que lle correspondía á súa compañeira”.

Otero acusou ao Sergas de “cargar sobre os lombos duns profesionais excepcionais a súa penosa e chapuceira política de persoal”, preferindo “machacar” ás pediatras impoñendo “condicións inhumanas e abusivas” que poñen en risco a calidade do servizo para os nenos e nenas.

Existe outro punto problemático na comarca, o triángulo Barreiros, Lourenzá e Mondoñedo, os cales comparten pediatra. Así os luns, mércores e xoves o facultativo está en Mondoñedo e Barreiros durante tres  horas en cada centro, e os martes todo o día en Lourenzá e venres todo o día en Mondoñedo. O problema é que “cando falta esa pediatra a maioría das veces quedan sen el porque non se cubre esa praza”, din.

Se falamos de Foz, que non conta nin con matrona, tan só hai un pediatra que dende hai anos conta cunha redución de xornada por conciliación familiar “e nunca se chegou a cubrir ou engadir outro profesional”. Ademais de atender aos nenos focegos ten que cubrir aos 300 do Valadouro e Alfoz, que non contan con este servizo.

“Que estes dous concellos conten con servizo de pediatría é unha demanda histórica pola nosa parte, polos veciños e os políticos”, din dende o colectivo.

Segundo o colectivo estas prazas non se cobren “pois dende o Sergas din que non hai pediatras, pero isto sabíase xa hai 13 anos cando xa se vía que os que había íanse xubilar”, din, “pero cremos que todo se debe ao éxodo dos nosos médicos e profesionais pois son un colectivo maltratado”.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, dixo que o Goberno galego “vai a seguir forzando a marcha do talento galego, xa que os mozos e mozas formados non quererán traballar nesas condicións e non se fai “ningunha medida para reter aos MIR que se forman cos cartos dos galegos”, polo que está situación é para el un claro “fracaso como país”.