Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

Centos de persoas manifestáronse pola falta de pediatras na Mariña

Por 21 Novembro, 2022Sin comentarios

A Plataforma Sanitaria da Mariña organizou unha  concentración diante do centro de saúde de Viveiro para denunciar a falta de pediatras e á que acudiron centos de persoas.

O acto reivindicativo foi en formato de performance polo que consistiu en que os veciños acompañados dos nenos acudiran ao centro de saúde cun boneco ou peluche aos que lles colocou un babeiro de papel reivindicativo. Así, a xente foi depositando os seus boneco diante do centro sanitario.

Malia que a situación afecta a prácticamente todas as localidades, a situación máis grave está a darse nestes días en Viveiro, pois faltan os dous pediatras que atenden o centro de saúde. “Neste centro aténdense máis de mil seiscentas crianzas e a carencia no servizo afecta tamén ás localidades veciñas de Ourol e Vicedo. A situación de desesperación levou a varias familias a denunciar a situación diante dos medios de comunicación e a contactar coa Plataforma Sanitaria para solicitar axuda”, din dende a Plataforma.

O colectivo sanitario foi informado de que a primeira cita dispoñible para pediatra en Viveiro é para o día 2 de decembro e que se está a derivar ás crianzas cara ao servizo de urxencias ante a imposibilidade de ser vistas por un facultativo en Viveiro. Segundo comenta a coordinadora da plataforma, Montse Porteiro, a situación “é crítica e promovida polo desleixo continuado do Sergas e o goberno da Xunta durante trece anos, que non puxeron os medios para solucionalo de xeito deliberado e formando parte dunha estratexia destrutora da sanidade pública dirixida á privatización da sanidade”.

As palabras verquidas recentemente pola xerente do Sergas advertindo que “temos que acostumbrarnos a que non haxa pediatras nos centro de saúde son absolutamente escandalosas e confirman o que vimos advertindo desde este colectivo en relación ao desmantelamento da sanidade pública, incidindo de xeito máis virulento sobre a Atención Primaria, xa que esta é a base do sistema sanitario; o desmantelamento deste nivel asistencial fará que a atención hospitalaria caia coma un castelo de naipes”- conclúen desde o colectivo.