Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

A próxima etapa do Camiño Gastronómico do Mar será entre Cervo e Xove

Por 22 Novembro, 2022Sin comentarios

O vindeiro domingo 27 de novembro celebrarase a terceira das 4 etapas do  Camiño Gastronómico do Mar 2022, que organiza a Asociación Amigos  do Camiño do Mar Peregrinación a Santiago de Compostela en colaboración coa Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela.

Esta fin de semana celebrouse a segunda etapa, na que máis de 30 persoas  percorreron o tramo do Camiño do Mar que une a Basílica de San Martiño, en  Foz, coa Igrexa da Vila do Medio, en Burela: uns 21 km de camiñada que  terminaron na praza de abastos de Burela, onde agardaba aos peregrinos  unha degustación de produtos da lonxa de Burela a cargo de chefs da  Asociación Cociñeiros Lugo, coa colaboración de Estrela Galicia. 

Os chefs Bruno Pena e Juan Rubiños ofreceron receitas de peixe sapo e  pescada do pincho de Burela, en representación das frotas burelenses de  litoral e de altura, respectivamente: “Ensaladilla de rape alangostado e salsa  holandesa” e “Potaxe de temporada con Merluza do pincho de Burela e carne  de porco”. 

Para participar na seguinte etapa do Camiño Gastronómico do Mar 2022,  que durante catro fins de semana está a percorrer os oito concellos da costa  lucense polos que pasa o Camiño do Mar, é necesario inscribirse antes de  cada xoves na web da asociación 

O domingo 27 pola mañá completarase un tramo dun 16 km do Camiño do  Mar que transcorre polos concellos de Cervo e Xove, desde o paseo dos  namorados, en pleno conxunto histórico-artístico de Sargadelos, ata o pavillón  municipal de Xove, cunha nova degustación gastronómica de “Peixe de  Burela”. 

Ademais, os participantes no Camiño Gastronómico do Mar 2022 poderán  selar en cada concello a súa particular “Compostela” e optarán a un premio  final, xa que entre todos eles sortearase unha cea para dúas persoas nun dos  restaurantes que a Asociación Cociñeiros Lugo ten na Mariña. 

Esta campaña, que conta coa colaboración dos concellos polos que discorre a  ruta e de Armadores de Burela, enmárcase dentro das accións de promoción  da OPP-7 incluídas no seu Plan de Produción e Comercialización anual, conta  co cofinanciamento da Xunta de Galicia e o Fondo Europeo e Marítimo de  Pesca; e serve un ano máis para fomentar o consumo de peixe e promocionar  o Camiño do Mar, ruta xacobea que comunica por terra o Camiño Norte e o  Camiño Inglés a Compostela.