Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXALugo

A Deputación terá no ano 2023 uns Orzamentos que superan os 110,6 millóns de euros

Por 23 Novembro, 2022Decembro 12th, 2022Sin comentarios

O Goberno aumentou un 25% os investimentos en políticas sociais dende o ano 2019, pasando de 30M€ aos 37 que dedica no 2023, un incremento que se traduce en feitos: “multiplicamos por tres o número de residencias en marcha, ata chegar ás 9, nas que ofreceremos 300 prazas asistencias e coas que creamos uns 230 empregos directos”.

A Deputación de Lugo terá no ano 2023 uns Orzamentos “expansivos e profundamente sociais”, que superarán os 110,6M€. Así o anunciou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, que presentou hoxe no Salón de Actos do Pazo de San Marcos o proxecto de presupostos da institución para o vindeiro ano nunha rolda de prensa xunto á Vicepresidenta, Maite Ferreiro Tallón, e á Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Mayra García Bermúdez.

O Orzamento, que sube preto dun 10,5% con respecto ao deste ano grazas ó incremento da aportación do Estado en 8,6M€, será sometido a debate e aprobación no Pleno ordinario do vindeiro martes, 29 de novembro, co que entrará en vigor a principios de xaneiro, “tal e como fixemos, ano tras ano, neste mandato, porque só así é útil e eficaz”, subliñou Pilar García Porto.

As liñas mestras das contas provinciais, explicou a Deputada, “son as mesmas que guían todo o noso mandato: dende o rigor, a estabilidade e a coherencia, estamos sacando adiante un proxecto útil para a provincia, claro e ben definido, que se centra en acercar e mellorar os servizos públicos dos veciños e veciñas do rural, e en apoiar a economía e ós sectores produtivos”.

Polo tanto, destacou, un “proxecto que responde ás necesidades e que aproveita as capacidades da nosa provincia, algo especialmente importante nunha época na que, lamentablemente, a pandemia vén seguida das consecuencias sociais e económicas da guerra en Ucraína”.

García Porto recalcou que o Goberno provincial vén demostrando que practica “unha política de feitos, de realidades”, como proba “o alto ritmo de xestión que levamos, dos máis altos dunha institución en España, pois estamos nunha media anual dun 85% de gasto executado”, e tamén a redución do período medio de pago ós provedores, que se sitúa hoxe nos 15 días.

Por este camiño “seguiremos cos Orzamentos do ano 2023” porque, asegurou a Deputada, “de nada valen uns presupostos de récord, cando esas cifras que se escriben sobre o papel non chegan á vida das persoas”, afirmou a Deputada.

De tres a nove centros de maiores e menos de catro anos

O Orzamento do vindeiro ano é “claramente expansivo, investidor”, en tanto que os capítulos de investimentos e de transferencias “suben máis dun 20%”, explicou a voceira.

Son ademais uns presupostos “profundamente sociais”, pois a Deputación dedica máis dun terzo do total, 37M€, a políticas vinculadas cos servizos sociais, benestar, atención ás persoas maiores, igualdade, cultura, deportes, mocidade, memoria histórica, educación ou fomento do emprego.

As políticas sociais “son un compromiso prioritario” do Goberno. Así, dende o inicio do mandato, aumentou un 25% os fondos destinados a este ámbito, pasando dos 30M€ do 2019 aos 37M€ do vindeiro ano 2023. Un incremento “que se traduce en feitos”, pois “cando chegamos ó Goberno había tres Centros de Atención a Maiores en funcionamento, e hoxe temos 8 residencias abertas e unha máis, a de Ribas de Sil, que inauguraremos antes de finalizar o ano”.

Polo tanto, “multiplicamos por tres o número de centros en marcha, ata chegar ós 9 cos que contaremos o vindeiro ano 2023” –situados en Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro, Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil-, “nos que ofreceremos 300 prazas asistenciais e cos que creamos uns 230 empregos directos, o 95% deles ocupados por mulleres”, o que resulta “vital para afrontar o reto demográfico”.

Para manter estes centros en funcionamento e seguir avanzando nos proxectos que están en marcha –na Pontenova, Guitiriz, A Pobra do Brollón, Portomarín, Ourol, Folgoso do Courel, Pantón, Becerreá e Cervantes, a Deputación destina nos Orzamentos do ano 2023 preto de 11M€, un millón de euros máis ca neste 2022.

Neste sentido, a Deputada cuestionou que, mentres a institución provincial pon en marcha 6 residencias en menos de catro anos, a Xunta, “cun orzamento 40 veces superior en políticas sociais”, non “foi capaz de construír nin a primeira en 13 anos”, nin tampouco “aporta nin un euro para os centros provinciais, nin se interesa polo seu modelo asistencial”, cando “é xa un referente en España e mesmo chama a atención no ámbito europeo”.

A “falta de vontade política” do Goberno autonómico obriga á Deputación a “redobrar os esforzos para manter os servizos sociais” e “limita” outros investimentos, “que poderiamos facer se a Xunta cumprise co Estatuto de Autonomía e asumise a súa competencia nesta materia”, incidiu.

Así mesmo, os Orzamentos recollen en materia de servizos sociais os fondos necesarios para manter o servizo de Teleasistencia Domiciliaria as 24 horas, que asiste a unhas 2.000 persoas, e o Servizo de Axuda no Fogar, que presta atención a máis de 2.100 persoas dos concellos de menos de 20.000 habitantes.

A voceira socialista lembrou que a Deputación mantén “unha liña de colaboración moi importante co tecido de asociacións vinculadas co benestar social”, e que este ano ascende a 1,3M€, unha aportación económica, explicou, “que axuda a soster toda unha rede de apoio e asistencia a colectivos en risco de exclusión social, a persoas con capacidades diferentes ou a persoas que padecen algunha doenza”.

Igualdade, emprego e formación

A Deputación incrementou tamén un 185% os recursos destinados a igualdade desde a creación no ano 2019, por primeira vez, dunha área provincial específica.

Tendo en conta que “o emprego é a mellor política social posible”, a Deputación contempla partidas orzamentarias para favorecer a inserción laboral, que no ano 2023 alcanzan os 5M€. Un investimento “que facemos, aínda que as políticas de emprego non son unha competencia das deputacións, nin dos concellos”, pero, “como no caso dos servizos sociais”, “tratamos de suplir as evidentes carencias da Xunta, que deixa sen executar o 30% dos fondos dedicado a promoción do emprego”, aseverou García Porto.

A Deputación plasma nos Orzamentos do ano 2023 o compromiso coa educación pública cunha consignación “que vai moito máis alá das competencias” da institución neste eido, e que supera os 3M€. Os fondos están destinados á Universidade e ó Centro de Formación Audiovisual da institución, ó único público desta especialidade na provincia.

O Plan Único, que ascenderá a 21,5M€, xunto coas outras medidas de cooperación da institución, “converten á Deputación en esencial para o funcionamento dos concellos, e que poidan ofrecer máis e mellores servizos aos veciños”.

Administración fundamental para os concellos

A cooperación cos concellos “é un eixo vertebrador de toda a acción política do Goberno”, subliñou a voceira socialista, polo que colabora “con todos os recursos técnicos e económicos posibles para que os 67 concellos da provincia poidan ofrecer máis e mellores servizos públicos ós seus veciños e veciñas”.

O principal instrumento de cooperación da Deputación é o Plan Único, que no ano 2023 ascenderá a 21,5M€, entre os 11M€ contemplados nos Orzamentos e a incorporación de remanentes. A institución garante así “un reparto xusto dos fondos públicos con criterios obxectivos, iguais para todos”, e “respecta plenamente a autonomía municipal”, afirmou Pilar García Porto.

A Deputada lembrou as melloras introducidas no Plan Único este mandato para que sexa máis útil para os concellos, como a aprobación das bases no ano anterior o seu período de vixencia, a posibilidade de imputar gastos de obras e contratos de persoal dende principios de ano ou a simplificación dos trámites administrativos.

Como exemplo do “impacto social e económico” desta ferramenta, a voceira socialista aludiu a que a Deputación inxectou dende o ano 2019 un total de 85,3M€ nos concellos, gracias ós que puideron acometer en torno a 1.500 obras e subministacións, e cos que mantiveron máis de 1.200 postos de traballo.

Desta forma, destacou, o Plan Único, xunto coas outras medidas de cooperación cos concellos que ofrece a institución, “converteron á Deputación nunha administración esencial para o funcionamento dos concellos”.

Neste eido, a entidade provincial reeditará o vindeiro ano o Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios, unha liña de axudas de concorrencia competitiva dotada con 300.000€, coa que “buscamos mellorar a calidade de vida dos veciños do rural con obras que inciden directamente no seu día a día”.

Sectores produtivos

O apoio da Deputación aos sectores produtivos materialízase no Orzamento de 2023 en partidas que suman 10,5M€ para actuacións impulsadas directamente pola administración provincial ou en colaboración co tecido asociativo vinculado coa actividade agrogandeira, forestal e do mar, co medio ambiente, o comercio de proximidade, a hostalería e o turismo.

No caso do sector primario, o Goberno duplicou os fondos neste mandato, ata alcanzar os 4M€ do ano 2023, dos que practicamente a metade están destinados á Granxa Gayoso Castro, “un centro que dotamos de moita maior eficacia porque todas as prestacións están baixo contrato, e que situamos como referente na formación e na investigación universitaria cando abrimos hai case dous anos a Unidade de Leite, a única destas características en Galicia”.

A Deputación de Lugo ten como obxectivo seguir potenciando a Granxa Gayoso, para que preste o mellor servizo posible aos gandeiros e gandeiras da provincia, sobre todo para que gañen competitividade e autosuficiencia no funcionamento das súas explotacións.

As partidas para consolidar “un turismo de calidade e sostible, desestacionalizado e que deixa valor no territorio en termos económicos e de emprego” ascenden a 3,2M€. Neste sentido, ao longo destes últimos anos, lembrou García Porto, ademais de manter o servizo de rutas fluviais en catamarán, a entidade impulsou un gran número de iniciativas novas, como o ingreso da provincia na Ruta Transrománica do Consello de Europa; os programas Coñece a túa Provincia e Saborea a túa Provincia; o programa Actívate; actividades fluviais; a edición de guías sobre o patrimonio románico e a organización de rutas; o patrocinio de eventos de gran proxección como a Volta Ciclista a España ou a regata fluvial máis longa de Europa; ou a promoción da provincia como plató de cine para atraer producións audiovisuais, entre outras.

Neste ámbito, a institución provincial achega un total de 160.000€ á Mancomunidade de Municipios da Mariña e ao Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra para que poidan executar os Plans de Turismo Sostible que lles concedeu o Goberno de España.

A Deputación contempla 3,5M€ para a conservación do patrimonio natural da provincia, pero tamén, “dunha maneira moi destacada, para converter toda esa riqueza medioambiental nunha oportunidade para o desenvolvemento do sector primario e do turismo”, explicou a Deputada.

A esta finalidade irán precisamente dirixidas as medidas que a institución levará a cabo entre este ano e o vindeiro 2023 nos 29 concellos que forman parte das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses gracias ós fondos que logrou da Unión Europea, e que ascenden a 1M€.

Tamén en materia de medio ambiente, e vinculado co turismo, a Deputación de Lugo avanza no Parque Central de Galicia para poñer en valor o centro xeográfico da comunidade, situado en Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante do concello de Antas de Ulla, segundo determinou o Instituto Xeográfico Nacional.

O apoio aos sectores produtivos no ano 2023 pasará así mesmo por outras iniciativas, como o proxecto Acelera PEMEs, para fortalecer e diversificar o empresariado da provincia coa transformación dixital, ou o programa Reiníciate, dedicado a favorecer a creación e o mantemento de emprego nos colectivos que peor o teñen para conseguilo.

Mellora da Mobilidade

A mellora da mobilidade é outro dos piares sobre os que se asenta a acción política do Goberno provincial, porque “se trata dun factor esencial para o desenvolvemento social e económico dun territorio de maneira equilibrada”.

Froito dese compromiso, o Executivo incrementou neste mandato as partidas orzamentarias para a conservación e mellora da rede de estradas da Deputación en cerca dun 30%, pasando dos 14,2M€ que había no ano 2019, ós máis de 18,3M€ do presuposto do ano 2023.

Como mostra dese esforzo, a Deputada detallou que nestes últimos anos “sacamos adiante máis de 150 contratos de obra para o acondicionamento de estradas provinciais, aos que debemos sumar as aproximadamente 500 actuacións que acometemos coas máquinas do Parque Móbil, e todas as melloras que poden levar adiante os concellos nas estradas, pistas, camiños e accesos municipais gracias ós fondos do Plan Único”.

Polo tanto, o esforzo nesta materia é “evidente” tendo en conta a extensa rede de estradas que ten a Deputación, a máis grande dunha institución provincial en España, con 4.217 quilómetros, e tres veces maior ca da Xunta na provincia de Lugo.

Maite Ferreiro debullou, polo miúdo, as partidas  das áreas de Deportes,  Artesanía e Deseño e Memoria Histórica;  Medio Rural e do Mar e Mocidade; e  Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Linguística  “que chegan a través de distintas liñas de axuda ao tecido asociativo a todos os concellos da provincia”.

Deportes

A área de Deportes mobilizará uns 4,1 millóns de euros  para apoiar a actividade deportiva, tanto no ámbito do deporte base e da actividade física saudábel, como no ámbito plenamente competitivo.

A area dirixida por Efrén Castro seguirá a ser o principal apoio institucional dos clubs de primeiras e segundas categorías estatais da provincia  e tamén o principal soporte económico para o tecido deportivo  de base e amador ”. As distintas liñas de axuda suporán un importe conxunto de 2,4 millóns de euros.

Ademais, os orzamentos contemplan unha partida de 1.267.000 para as instalacións deportivas que xestiona a Deputación de Lugo – 890.950 no Pazo dos Deportes e o Anexo, e 376.270 na Escola de Piragüismo- O investimento incremëntase nuns 400.000 respecto ao ano pasado para seguir cubrindo os gastos relativos a subministración de servizos básicos como electricidade, auga e calefacción ou limpeza e seguridade, e realizar melloras en ambas instalacións.

Artesanía e Deseño e Memoria Histórica

En 2023, o Centro de Artesanía e Deseño investirá máis de 360.000  para consolidar os proxectos de apoio e promoción da artesanía que ven desenvolvendo desde o inicio da lexislatura, apostando de forma decidida por visibilizar o traballo artesán e abrir novos camiños para a sostibilidade económica e social dun sector que é gardián de tradicións pero que ten enormes potencialidades. Ademais, seguirase impulsando o recoñecemento do patrimonio musical do Centrad, con  iniciativas como o encontro Celme de Zanfona.

No 2023, darase tamén un impulso  ao espazo permacultural que se puxo en marcha este ano no Lugar de Reque, no paseo do río Rato.  Maite Ferreiro destacou que “a actividade desenvolvida durante o ano espertou un enorme interese. Todos os obradoiros que se realizaron  tiveron máis demanda que prazas ofertadas, unha boa acollida que confirma a potencialidade deste proxecto, que revitalizou un espazo de especial interese para a cidade”.

Os orzamentos de 2023 avanzan tamén na consolidación dunha partida específica para Memoria Histórica dentro das contas provinciais, co obxectivo de colaborar con iniciativas guiadas pola  procura de verdade, xustiza, reparación e garantías de non repetición en relación co golpe de Estado do 36 e da ditadura franquista

Cultura, Patrimonio e Normalización Linguística

En relación coa área de Cultura, Maite Ferreiro sinalou que “se destinará 975.000 a desenvolver programacions propias para achegar a actividade cultural a todo o territorio e  consolidar un sector económico e profesional, que precisa continuidade nos investimentos e apoio das administracións públicas para fidelizar público”

Nese sentido, avanzou que “se manterán programacións que se puxeron en marcha con gobernos nacionalistas na Deputación, como os circuítos de compañías de teatro e formacións musicais tradicionais, e tamén se impulsarán iniciativas vinculadas á ilustración, ao muralismo ou ao audiovisual,  dando relevancia á celebración de datas sinaladas para a cultura galega, como o Día de Rosalía ou o das Letras Galegas”

Tamén concretou que “se contribuirá ao financiamento do tecido asociativo cunha partida de 935.000, que se investirá en distintas liñas de axuda a asociacións de base e entidades dedicadas á promoción e dinamización cultural en diferentes eidos, desde a formación musical ata a normalización do galego.

A terceira liña de investimento, explicou, sustenta o funcionamento da Rede Museística – o Museo de Lugo, o Museo do Mar de San Cibrao, o Pazo de Tor e a Museo de Narla-, que en 2023  contará cun orzamento total de 3.620. 000, para seguir desenvolvendo os traballos de estudo, conservación e difusión que corresponden aos museos, e potenciando a súa interrelación coa comunidade e co territorio.

Medio Rural e do Mar e Mocidade

Medio Rural, Mar e Mocidade  contará cun orzamento total de 2,11 millons de euros  para seguir reforzando as liñas nas que ven traballando dende o inicio lexislatura, actuando en ámbitos que son estratéxicos para o rural e para o sector primario e nos que a área dirixida por Mónica Freire foi pioneira.

É o caso do programa de prevención de lumes “O Que Non Arde”, que supuxo a primeira iniciativa da Deputación de Lugo neste ámbito e que seguirá incidindo no pastoreo e na ordenación do territorio como ferramenta para a limpeza das faixas secundarias de protección, co aval de ter sido recoñecida este mesmo outono como mellor iniciativa de apoio á gandeiría extensiva dunha institución provincial a nivel estatal.

Darase tamén continuidade ao programa da Escola á Granxa, que está permitindo achegar a pícaras e pícaros dos colexios de toda a provincia a iniciativas exitosas de emprendemento no rural, coa intención de asentar unha visión positiva do noso tecido produtivo primario e poñer en valor o traballo das nosas agricultoras e gandeiros.

Tamén se continuará dando apoio á rede de asociacións agrogandeiras,colectivos profesionais e pequenas cooperativas agrarias que están traballando no desenvolvemento do sector, coa vista posta no coidado do territorio e a fixación de poboación no rural. Neste sentido, Medio Rural apostará por iniciativas que incidan na formación e no asesoramento, na mellora do valor engadido das producións ou a diversificación produtiva como fórmulas para xerar rendas que garantan a viabilidade das granxas e permitan avanzar cara á soberanía alimentaria.