Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

O SLG di que a Xunta quítalles a 291 granxas da Mariña as axudas por zona desfavorecida

Por 26 Novembro, 2022Novembro 27th, 2022Sin comentarios

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas informou de que “a Xunta quítalles a 291 granxas da Mariña as axudas por zona desfavorecida”.

“Miles de explotacións labregas de toda Galiza ficarán sen un apoio económico contemplado na PAC que viñan percibindo até agora. Denunciamos que as axuda que pretende eliminar a CMR teñen como obxectivo precisamente evitar abandono de terras agrarias”, engaden dende o colectivo labrego.

A Consellería de Medio Rural (CMR) decidiu que “no próximo período da PAC (2023-2027) non vai pagar a axuda para Zonas con Limitacións Naturais (ZLN) en todos os concellos de Galicia clasificados como distintos aos de montaña”, que si a viñan percibindo até o dagora. “É a primeira vez, despois de moitos anos, que nos atopamos cunha exclusión intencionada, por parte do conselleiro José González Vázquez, dunha axuda que leva anos chegando ás granxas”, engaden.

De xeito concreto na comarca da Mariña, esta restrición nas axudas públicas percibidas polas labregas e labregos implicará que 291 explotacións non van percibir esta axuda que en 2021 alcanzou a cifra global de 276.575,24 euros.

“Resulta canto menos desagradablemente sorprendente que a Consellaría do Medio Rural, nun dos momentos mais críticos para os sectores agrario e gandeiro por mor da suba de custos de produción -que afecta a moitos factores esenciais para a produción agrogandeira, como a electricidade, o gasóleo, os fertilizantes ou os cereais-, decida impedir que milleiros de granxas galegas podan acceder a unha axuda á que teñen dereito dentro da Política Agraria Común (PAC)”, din dende o SLG.

Pola contra, “a Xunta non só non saca novas liñas de axuda -como acontece por exemplo co sector da carne- senón que ademais atopámonos ca preocupante sorpresa de que lle quita axudas a milleiros de granxas que as viñan percibindo até o dagora”, din dende o SLG.

Xa no periodo de consultas sobre a PAC, dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) “trasladamos á Consellaría do Medio Rural que, dado o seu destacado aporte na preservación da actividade gandeira en zonas con limitacións físicas, resultaba prioritario o mantemento das axudas a zonas con limitacións naturais e zonas con outras limitacións. A función deste orzamento é distinto ao resto das axudas da PAC, xa que teñen como obxectivo principal evitar o abandono de terras en determinadas zonas, supoñendo un instrumento específico de mantemento da actividade agraria e gandeira”, din.

Dende o SLG esixen á Consellaría do Medio Rural que corrixa inmediatamente esta medida, “e non pervirta o verdadeiro obxectivo destes orzamentos públicos, respectando unha función tan esencial como é axudar a garantir a produción agroalimentaria, e fixar poboación, nas zonas con limitacións naturais”.