Skip to main content
BarreirosDeportes AMARIÑAXA

Romina Reimondo e Alejandro Villalba gañaron o circuíto de carreiras +KmsBarreiros

Por 17 Novembro, 2022Sin comentarios

Romina Reimondo e Alejandro Villalba proclamáronse gañadores do circuíto de carreiras populares +KmsBarreiros organizado polo Concello de Barreiros e que contou co apoio da área de deportes da Vicepresidencia da Deputación Provincial.

O 9 de xaneiro, coa Carreira Popular de Reis organizada polo Concello de Barreiros, daba comezo unha nova proposta da concellería de dinamización e participación veciñal que consistía en agrupar as 6 carreiras populares que se celebran no municipio dentro dun gran evento “dándolles así un maior apoio e difusión tendo en conta o gran esforzo que supón para as entidades organizadoras destes eventos e valorando as potencialidades que posúen” sinala Dani García, concelleiro de dinamización e participación veciñal.

Continuaba o 17 de abril coa Carreira Popular das Praias organizada pola asociación cultural e deportiva Praias de Comado.

A terceira proba do circuíto, a carreira popular Benquerencia Terra-Mar, tiña lugar o 6 de agosto e estaba organizada pola asociación deportiva Augas Santas de Barreiros.

En outubro chegaba a quenda das carreiras de montaña, concretamente da 1/2km Vertical e dos Trails Monte Comado que se celebraron na fin de semana do 15 e 16. Ambas organizadas pola asociación cultural e deportiva Praias de Comado.

A sexta, e derradeira proba do circuíto, a carreira popular Ao son do Masma, tivo lugar este pasado domingo en Celeiro de Mariñaos na se deron cita uns 200 atletas. Esta carreira estivo organizada polo colectivo cultural Ollomao.

Dani García, agradece a alta participación en cada unha das probas así como a deportividade e bo ambiente vivido. “Dar os meus parabéns a Romina e a Álex como gañadores das categorías absolutas nesta primeira edición do circuíto +KmsBarreiros, tamén quero estender os meus parabéns ao resto de gañadores/as das diferentes categorías os e as cales se poden consultar na web www.maiskmsbarreiros.gal. O edil agradece tamén “o empeño e compromiso de todas as asociacións organizadoras, das entidades colaboradoras así como da asociación de voluntarios de Protección Civil de Barreiros que velan pola seguridade dos e das participantes.”

A entrega de premios; en total 700€ en metálico, así como un obsequio para cada atleta que participara en 4 ou máis probas, terá lugar o domingo 27 de novembro ás 11:00 h. no salón de actos da Casa do Concello de Barreiros.