Skip to main content
Cervo

Cervo abre o prazo para as axudas de transporte escolar

Por 1 Novembro, 2022Sin comentarios

O Concello de Cervo, a través da delegación de Educación, dispón dunha partida de 12.000 euros para as axudas ao transporte escolar daqueles alumnos que cursan estudios fóra do termo municipal; sempre que se trate de formación ou titulacións que non se impartan en ningún centro do termo municipal.

Os estudantes terán que cumprir os requisitos establecidos nas bases, dispoñibles na Casa da Cultura, na Casa do Concello e na sede electrónica da web municipal, e presentar a documentación requirida no Rexistro Xeral do Concello. O prazo para facelo remata o 21 de novembro –encluído-.

Tal e como sinalou o rexedor, Alfonso Villares, trátase dunha subvención financiada ao 100% con fondos municipais co obxectivo de “apoiar ás familias na educación dos seus fillos e contribuír a que exista igualdade de oportunidades. E por suposto, é unha forma de apoiar a formación e o estudo, ao igual que facemos con outras subvencións tamén municipais, como é o caso das axudas ao material escolar e libros, ás ANPAS ou aos colexios”. 

Cada beneficiario, que deberá ter menos de 30 anos, e que cumpra os requisitos que recollen as bases recibirá 150 ou 250 euros, en función da renda familiar. 

Ademais, o solicitante ten que cursar algunha destas titulacións: Ensinanzas universitarias, estudos musicais en conservatorios e escolas de música, Bacharelato (nalgunha das modalidades que non se imparten no Concello de Cervo) ou ciclo medio ou superior de Formación Profesional.

Documentación

En canto á documentación a presentar, deberase entregar no Rexistro do Concello fotocopia do DNI de todos os membros da unidade familiar maiores de idade, fotocopia do libro de familia, autorización de todos os membros computables para obter información das diferentes administracións, copia cotexada do boletín de cualificacións ou certificación expedida polo centro educativo no curso 2021-2022 e, en caso de discapacidade ou dependencia, certificado emitido polo organismo oficial correspondente. 

Aquelas persoas que desexen máis información ao respecto poden achegarse ás oficinas municipais ou consultar o Boletín Oficial da Provincia, deste luns 31 de outubro.