Skip to main content
Cervo

Adxudicado o proxecto para acondicionar unha praza no barrio da Atalaia de Cervo

Por 24 Novembro, 2022Sin comentarios

O Goberno galego vén de adxudicar o proxecto para levar a cabo unha actuación urbanística que ten como obxectivo derrubar unha edificación no barrio da Atalaia para transformar ese espazo nunha praza coa que se ampliarán os espazos públicos do concello de Cervo. As obras licítase por un importe de máis de 400.000 euros.

O proxecto, financiado ao 70% pola Xunta e ao 30% polo Concello, pretende conservar os muros de contención, que, xunto cunha serie de piares, servirá de apoio para un forxado reticular que soporte o uso público e os elementos de xardinería. A decoración da praza terá como referentes a caza das baleas e a cerámica de Sargadelos. De feito, o novo muro e o banco corrido revestirase cun mural con restos de cerámica. Ademais, o desnivel da zona noroeste salvarase cunhas gradas que permiten contemplar a zona arqueolóxica do outro lado da rúa.

A zona axardinada representará unha balea feita con lombeiros de terra vexetada. A balea delimitarase con aceiro corten. A maiores, demolerase a beirarrúa do lateral nordés e pavimentarase igual que a rúa.

As tarefas de reforma acometeranse ao abeiro do plan Hurbe, unha iniciativa a través da cal dende 2010 a Xunta mobilizou ao redor de 163 millóns de euros para o financiamento de máis de 410 intervencións urbanísticas en decenas de concellos, para actuacións dirixidas a habilitar ou recuperar equipamentos municipais e poñer en valor as contornas urbanas.

O Goberno galego destinará 8,6 millóns de euros o vindeiro ano a seguir apoiando os concellos na execución deste tipo de obras, un 23% máis que o orzamento destinado a tal fin en 2022.