Skip to main content
Foz

Foz acolle a última función da xira de inverno da ópera electrónica ‘Papagena’

Por 23 Novembro, 2022Sin comentarios

Papagena, á última creación da compañía ButacaZero, dirixida por Xavier Castiñeira e Esther F. Carrodeguas, vai pechar a súa xira de inverno en Foz este venres 25 de novembro, coincidindo co Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Logo de itinerar por unha ducia de vilas galegas ao longo deste trimestre, Papagena vai brindar a súa única función na provincia de Lugo este 25N na Casa da Cultura de Foz. O espectáculo comezará ás 20.30 horas e terá entrada gratuíta ata completar o aforo.

Esta ópera electrónica en galego con perspectiva de xénero narra a historia dunha parella engaiolada nunha relación tóxica que está inspirada na persoas-paxaro da célebre A frauta máxica de Mozart. O elenco está formado pola soprano Esperanza Mara e o barítono Jacobo Rubianes que actúan acompañados no escenario por Iago Hermo, compositor da ópera e do libreto e tamén director musical da peza.

A peza, na que Castiñeira e Carrodeguas asumen por primeira vez a dirección escénica dunha ópera, nace da vontade de afondar nos clixés de xénero presentes no eido da creación operística, mais tamén pretende rachar con outras percepcións habitualmente asociadas ao mundo da lírica: a lingua, os espazos de representación, o público destinatario ou mesmo o formato. Para conseguilo, Iago Hermo deseñou unha ópera electrónica, baseada nas súas investigacións arredor do espectralismo minimalista. O resultado, coa colaboración de Ana Arteaga na escenografía e de Diego Valeiras no vestiario, é un espectáculo musicalmente inmersivo e visualmente contemporáneo que está a levar a ópera a vilas onde non adoita chegar este estilo musical.

Concibido para público adulto e adolescente, a trama de Papagena expón unha relación marcada polos celos e o control e narra o proceso que leva ao personaxe interpretado por Esperanza Mara a se liberar da súa cárcere vital. Un dos maiores avances político-social dos últimos tempos, a loita contra o sexismo, é a base para analizar e reescribir a Papagena mozartiana e darlle as ás que lle permitan voar e escapar da gaiola. Hai tamén na ópera de ButacaZero unha mensaxe clara que nas redes sociais da compañía condénsase no cancelo #nonsexaspapageno.