Skip to main content
Ribadeo

A Pancha, a moeda local ribadense, será a protagonista dunha exposición

Por 20 Novembro, 2022Sin comentarios

A Pancha, a moeda local ribadense, será a protagonista dunha exposición que se poderá visitar nas principais rúas da vila e que inclúe tanto paneis explicativos do seu funcionamento como un percorrido polo pasado comercial de Ribadeo. 

O concelleiro de Comercio, Pablo Vizoso, lembra que “dende mediados do século XIX, Ribadeo foi un punto estratéxico para a actividade comercial, fortaleza que perdura ata o día de hoxe e aínda que os tempos cambiaron, a importancia do comercio na nosa vila é indiscutible, ata o punto de chegar a contar cunha moeda propia, a Pancha”.

O edil ribadense sinala que “se durante estes días paseamos polas principais rúas comerciais, en concreto por Rodríguez Murias, atoparémonos cunha exposición, que se divide en dúas partes e que está dedicada á nosa moeda, onde se amosa como e cando xurdiu a idea de contar cunha moeda propia, así como o seu funcionamento e beneficios”. 

O concelleiro de Economía, Comercio, Desenvolvemento Local e Turismo, Pablo Vizoso, asegura que “con esta exposición queremos levar A Pancha á rúa, e darlle visibilidade, dado o seu carácter dixital. Tamén queremos achegar información sobre a mesma á xente que aínda non a coñeza ou aínda non se animou a utilizala”.

Neste sentido, Vizoso di que “a campaña da Pancha está tendo unha boísima acollida, posto que xa van máis do 60% compradas e aínda non chegamos ao mes de maior consumo, que sempre é o de decembro”.

Pablo Vizo engade que “no que vai de campaña, estímase un impacto como mínimo duns 150.000 euros no comercio e hostalaría da vila e aínda queda ata final de ano. En canto ao número de Panchapetos descargados, xa son máis de 640 as persoas que se beneficiaron da moeda local, polo que animamos a todas as persoas que aínda non o fixeron, a disfrutar das vantaxes de utilizar a moeda local e aforrar nas súas compras”.

Ademais de na Rúa Rodríguez Murias, no Campo de San Francisco instalarase a segunda parte da exposición, composta por fotos do Ribadeo antigo e das súas principais zonas comerciais. Esta localización coincide co lugar onde antigamente se celebraban as feiras e mercados en Ribadeo.