Skip to main content
AbadínMondoñedoMurasO Valadouro

Alumnos do Xistral achegaranse á produción do documental ‘Fillas do vento’

Por 23 Novembro, 2022Sin comentarios

Vicepresidencia da Deputación de Lugo achegará ao alumnado de Muras, Mondoñedo, Abadín e O Valadouro á produción de documentais de natureza. 

Aproveitando a preprodución do documental Fillas do Vento, sobre o cabalo de monte, a equipa técnica da produtora Trespés Filme acudirá aos centros educativos para desenvolver sesións divulgativas nas que o alumnado terá oportunidade de coñecer como é o proceso dun documentario de natureza, que equipas de imaxe e son se utilizan ou como se organiza o traballo, ademais de ver  “en bruto” algún material xa gravado. As sesións desenvolveranse do 24 ao 28 de novembro, coincidindo co traballo de preprodución do documental no Xistral.

O programa educativo artellado pola Vicepresidencia da Deputación e a produtora Trespés Filmes permitirá  así socializar o desenvolvemento do proceso, facendo partícipes do mesmos ás persoas que habitan os lugares onde se grava.  “A nosa idea é tamén facer ver ao alumnado o interese que desperta a realidade que eles coñecen de primeira man, e que podan aprender a valorar o seu como unha cultura que enriquece o mundo”, sinalan desde a produtora Trespés Filmes.

A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro explicou que “se trata dunha iniciativa coa que apoiamos a produción audiovisual en galego, ao tempo que ofrecemos aos centros educativos a posibilidade de levar ás aulas actividades que consideramos que poden resultar de interese pola súa relación co audiovisual, unha linguaxe moi atractiva e pròxima para as novas xeracions, e co mundo do cabalo, moi presente na súa contorna”.

Así, o xoves 24 de novembro estarán no CEIP Antía Cal Vázquez de Muras e no  CEIP Aquilino Iglesia Alvariño de Abadín. O 25 será a vez do CEIP  Álvaro Cunqueiro Mora de Mondoñedo. Finalizarán o 28 no CEIP Sta María do Valadouro.

Fillas do vento

O proxecto de documental Fillas do vento, dirixido por Adrián Vilas e producido por Trespés Filmes,  procura facer un achegamento a un animal totémico como é o cabalo do monte. Galicia é un dos poucos lugares no mundo, senón o único, onde se pode testemuñar a presenza de cabalos salvaxes, en réxime de semi-liberdade nos seus montes de xeito continuado desde os primeiros poboamentos. Isto creou á súa volta un mundo natural, cultural e social onde se xunta o lobo, o territorio, o patrimonio, a memoria, a comunidade. Unha realidade que se artella como unha constelación desde a noite dos tempos. Unha constelación indómita.

Adrián Vilas é un documentalista con anos de experiencia en televisión internacional, incluíndo entre outros a unidade de Historia Natural da BBC, o National Geographic e a Televisión Pública Holandesa. Como apaixoado do mundo cabalar, está involucrado dende hai anos na conservación do cabalo de Pura Raza Galega.