Skip to main content
Cultura AMARIÑAXAO Vicedo

AV San Román do Vicedo: “Ninguén fixo nada grande só. É importante a unión”

Por 13 Novembro, 2022Decembro 18th, 2023Sin comentarios

A Asociación de San Román do Vicedo fala das súas inquedanzas.

Por Ana Somoza López.

Que é AV San Román do Vicedo?

Somos unha asociación de veciños que naceu en outubro de 2018. A idea de asociacionismo xurdiu dos paseos matutinos dominicais entre algúns dos veciños. Aínda que hai na parroquia unha asociación de Mulleres Rurais, as cales realizan algunha actividade, parte dos socios da devandita asociación non pertencían á parroquia e non compartían as mesmas necesidades e demandas. Co que había un oco para cubrir. Era a de ter unha soa voz á hora de expoñer os nosos problemas como veciños cara as distintas administracións, arrimar o ombreiro co Concello no que puidésemos colaborar dentro das nosas posibilidades, achegar o noso gran de area para dinamizar a parroquia e, sobre todo, volver recuperar o que lembramos da nosa mocidade. Cando eramos pequenos, os veciños axudábanse entre si, ou para recoller as patacas, o trigo e o millo; e sempre se acababa compartindo un mantel no campo. Agora todo iso abandonouse e como consecuencia perdeuse.

Quen forma a directiva?

Somos os integrantes de dúas casas. As nosas idades van desde os 40 a 48 anos. Somos relativamente novos e decidimos vivir no rural despois de estar, algún de nós, fóra moitos anos. En maior ou menor medida, nacemos aquí ou tivemos un contacto moi estreito desde nenos co pobo.

De presidente está Rubén Rábade, de tesoureira Maribel Rodríguez e de secretario Martín Pena.

Dende cando se atopa na presidencia?

Estamos desde os seus inicios, e este ano teremos eleccións na asociación e encantaríanos que unha nova directiva tome as rendas ou que se incorporen caras novas á mesma. Non se pode perpetuar un nos cargos. Como anécdota dicir que temos un grupo de WhatsApp moi participativo que funciona bastante ben; soamente tratamos temas da asociación e que nos incumben. Sinceramente, os socios están a responder excelentemente.

Cantos membros son?

Neste momento pasamos da corentena de socios.

Que actividades fan?

Facemos bingos, funcións de teatro, de maxia, espectáculos para nenos, recentemente tivemos cinema e non podemos esquecernos das nosas xuntanzas veciñais. En definitiva, calquera actividade que sexa de utilidade para os veciños. Ao final tamén se está realizando unha función social. Veciños maiores de 80 anos poden pasar un intre divertido e saír das súas casas que doutro xeito non o farían. Reúnense, falan, bailan, rin, en definitiva, distráense e todo sen saír da parroquia.

Contan con apoio municipal para as actividades?

Si, o Concello adóitanos conceder unha subvención, pero soamente para actividades culturais, que nos últimos anos ascende a un máximo de 1400 euros. Pero hai que aclarar que soamente é para actividades culturais. Está claro que non é o mesmo facer cultura nun pobo de 200 habitantes e con veciños onde a maioría son maiores de 80 anos que facelo nunha cidade.

Nesa subvención hai que adiantar primeiro o diñeiro, realizar o gasto e logo entra o criterio de que cho aproben ou non. Lembro o ano que tivemos problemas para xustificar un computador que non puxeramos na memoria inicial no principio do ano. Un computador, que por mor da pandemia, case todos os trámites, en especial coa Deputación e a Xunta, solicitábannos facelo con Certificado Dixital.

Pero existe boa relación, non?

Sinceramente, temos moi boa relación e comunicación co encargado da casa da cultura. Hai que agradecer a súa dispoñibilidade, xa que podemos utilizar as instalacións practicamente cando as necesitamos. Lamentamos que nin a concelleira de cultura nin o tenente alcalde da nosa parroquia asistan a algunha actividade que organizamos. Por outra banda, cremos que non se valora a todas as asociacións por igual. Non é o mesmo realizar unhas seis actividades ao ano con esa mesma cantidade de diñeiro que outra asociación realice só unha ao ano. O devandito anteriormente, non só é cultura. É unha función social e de dinamización da zona.

Que necesidades ten a asociación ou o pobo?

Por exemplo no tocante ao alumeado público pois estamos escasos neste aspecto. Xa llo fixemos saber ao Concello; pero, non entendemos cal é o criterio de instalar nalgúns sitios e nalgunhas casas varias luces públicas, e noutros lugares non. No colexio do Vicedo temos algúns problemas para conciliar horarios. O cole empeza ás 10.00 e é moi tarde para conciliar co horario laboral dos pais e ao final eses veciños levan ao neno a Viveiro.

Tamén fai falla rozar as leiras, asfaltar as pistas e mantelas en boas condicións, ou mellorar a sinalización dos distintos lugares das parroquias xa que os carteis indicadores atópanse na súa maioría rotos, oxidados, engulidos pola maleza ou son inexistentes. Non podemos tampouco esquecernos do problema que temos coas cartas certificadas pois a oficina de correos do Vicedo só abre de luns a venres de 12.30 a 13.30, co que ou perdes un día de traballo ou esa carta vai devolta. E xa para rematar botamos de menos reunións periódicas co Concello para escoitar as demandas dos veciños.

Que é o máis importante que conseguiu a asociación?

Cremos que se viu na pandemia. Sempre estabamos todos os veciños dispoñibles para axudarnos no que fixese falta. Á xente maior, os que estaban sós ou tiñan a familia lonxe; ofrecémonos para ir comprarlles ao supermercado, estar atentos se lles pasaba algo ou se non saían de casa, ou o que fixese falta. Estivemos moi pendentes deles. Somos conscientes que estamos no rural, debemos apoiarnos entre nós, arrimar o ombreiro e facer equipo.

Que novos proxectos teñen de cara ao futuro?

Pois practicamente seguir coa mesma filosofía. Estas cousas levan o seu tempo e é un traballo de formiguiña durante anos.

Estades a levar a cabo algunha medida para atraer a xente nova?

Encantaríanos que a xente nova se unise así poderíamos facer máis cousas, tanto actividades para os novos como para os maiores. O problema é, que hai pouca xente nova na parroquia; e a que hai, por motivos de traballo ou porque non poden ou queren, non temos moito apoio deles. Custa moito organizar todo, moito tempo investido; pero, senón o facemos seríamos como moitas outras parroquias mortas. Cada un na súa casa e sen ningunha actividade que facer, e non desexamos iso. Ademais, existe moi pouco asociacionismo e é como o dito africano: “Se queres ir rápido viaxa só, pero se queres ir lonxe viaxa en grupo.” Ninguén fixo nada grande só. É importante a unión.