Skip to main content
Viveiro

Viveiro homenaxeou ás vítimas do naufraxio da fragata Magdalena e do bergantín Palomo

Por 7 Novembro, 2022Sin comentarios

O Concello de Viveiro acolleu este domingo un acto en recordo das vítimas do naufraxio da fragata ‘Magdalena’ e do bergantín ‘Palomo’ presidido pola alcaldesa, María Loureiro, que estivo acompañada polo delegado provincial da Real Liga Naval Española xunto a outras autoridades civís e militares. Contou cola colaboración da Armada Española, o Coro ‘Sons do Celeiro’ e a Banda de ‘Cornetas e Tambores’ de Viveiro.

A homenaxe comezou cunha recepción no atrio da Igrexa Parroquial de San Juan de Covas, onde se celebrou unha misa en recordo das vítimas dun dos feitos máis terribles e dolorosos da historia de Viveiro. A comitiva trasladouse despois ata o Paseo Marítimo onde se atopa o monumentos aos náufragos ‘Os Castelos’ para depositar unha coroa de laurel ao pé da imaxe.

“Con este emotivo acto queremos homenaxear ás máis de cincocentas vítimas daquel naufraxio, que se converteu nunha das maiores traxedias marítimas ocorridas na costa española, un suceso horrible que tivo gran repercusión en toda España e que aparece recollido na literatura popular a través de coplas e romances; en diversas obras de arte, como é caso das pinturas de Xosé Luis Neira Brochs; ou no cómic creado por Primitivo Marcos Ferreiro, con motivo do bicentario deste tráxico suceso, nunha obra que recrea de forma minuciosa e detallista o afundimento”, suliñou María Loureiro sobre a catástrofe ocorrida na noite do 2 ao 3 de novembro de 1810.

“Estou convencida de que poucas cousas hai máis importantes para os veciños e veciñas dun pobo que coñecer o seu pasado e a súa historia, os acontecementos máis alegres e tamén os momentos duros e tráxicos”, continuou a alcaldesa de Viveiro, quen recuperou algunhas das verbas que recolleu Primitivo Marcos no cómic publicado con motivo do bicenterario da traxedia.

“Percorréronse as casas da vila e as aldeas na procura de canto puidese ser de axuda para socorrer aos feridos da catástrofe”, recordou antes de engadir: “As xentes do lugar, ricos algúns, pobres a maioría, abriron as súas casas, compartiron as súas meses e deron consolo e abrigo a cantos o precisaron”.

Tras esta citas, María Loureiro insistiu en que “igual que os veciños e veciñas de Viveiro actuaron naquel entón, cun comportamento exemplar, agora nos corresponde a nós manter vivo na lembranza e recordo daquel histórico suceso, honrando as vítimas de daquel naufraxio”.