Skip to main content
Viveiro

Viveiro habilita unha mesa de recollida de sinaturas en defensa do servizo de pediatría

Por 21 Novembro, 2022Sin comentarios

O Concello de Viveiro da un paso máis na súa reivindicación de melloras no servizo de Pediatría do municipio. Dende hoxe habilita unha mesa informativa na que se recollerán sinaturas para reclamar solucións a unha situación que pon en risco un servizo básico e esencial.

Os afectados poderán cubrir nestas mesas informativas os formularios de reclamación ao Sergas, poñendo así en evidencia a necesidade de que se cubran os postos de pediatra indispensables para dar cobertura aos 1.600 nenos e nenas dos concellos de Viveiro, Ourol e Vicedo. 

O centro de saúde dispón en principio de dúas prazas de Pediatría, pero a día de hoxe non hai ningún especialista no centro e a cita máis próxima para a atención dos máis cativos ten como data o 2 de decembro.

Nin sequera os médicos de familia do centro poden atender esta necesidade, porque tamén é un servizo sobrecargado no que só catro doutores están cubrindo ás citas dos sete médicos asignados. 

O Concello de Viveiro sumouse este domingo á masiva concentración convocada pola plataforma “Salvemos a Sanidade Pública”, unha convocatoria na que participou a alcaldesa, María Loureiro, e o grupo de goberno local.

Foi seguida por centos de veciñas e veciñas, que chamaron a atención deste xeito sobre unha situación que se arrastra dende hai tempo. 

A falta de pediatras e dunha atención sanitaria digna en Viveiro atenta contras os principio básicos da sanidade pública, como son a equidade e a gratuidade.