Skip to main content
Viveiro

Remataron as obras de mellora da Escola de Educación Infantil San Roque, en Viveiro

Por 24 Novembro, 2022Sin comentarios

Remataron as obras de mellora da eficiencia enerxética da Escola de Educación Infantil San Roque, no concello de Viveiro, nas que o Goberno galego investiu 302.380 euros.

A actuación incluíu a substitución das carpinterías exteriores por outras de aluminio con rotura de ponte térmico e vidros de dobre acristalamento, baixo emisivos, acústicos, de seguridade e con cámara de aire intermedia. 

Tamén cambiouse unha parte da cuberta e fíxose a renovación dos canlóns e baixantes do edificio. Ademais, no interior mudáronse as luminarias por outras tipo LED de menor consumo.

A intervención completouse coa instalación de falsos teitos nas aulas, a reforma de aseos e o pintado dos paramentos que se viron afectados pola colocación das novas carpinterías. 

As actuacións foron financiadas con cargo a un contrato por valor total de 2,5 millóns de euros para reformar dez centros educativos da provincia de Lugo, tres deles na Mariña. Así, ademais da EEI San Roque a Xunta impulsa melloras por importe de 232.300 euros no CEIP do Vicedo e por 311.380 euros no CEIP Juan Rey de Lourenzá. 

As obras enmárcanse dentro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, que ten por obxecto acadar unhas infraestruturas educativas máis confortables, máis innovadoras e máis sostibles desde o punto de vista medioambiental.