Skip to main content
Mar AMARIÑAXAViveiro

Remataron as XXVI Xornadas Técnicas de Difusión do Sector Pesqueiro de Celeiro

Por 27 Novembro, 2022Sin comentarios

Remataron as XXVI Xornadas Técnicas de Difusión do Sector Pesqueiro de Celeiro, unha cita que converteu estes días á Mariña no epicentro do sector pesqueiro, e nas que se abordaron as principais preocupacións da flota, como o veto europeo á pesca de fondo. Unha decisión, calificou Deputada de Muller e Igualdade e Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, “de desproporcionada e inxusta das autoridades da Unión Europea, contra a que o Goberno de España presentou xa un recurso, que todos e todas esperamos que sexa atendido”.

A Deputada destacou a necesidade de atender ás novas pautas de “consumo” e ás novas técnicas de “comunicación” para mellorar a comercialización dos produtos do mar. Para iso, recalcou “é necesario que as administracións executen os seus orzamentos, e que esas cifras de récord que se escriben sobre o papel cheguen realmente á xente e ós sectores produtivos”. Algo esencial porque, “para resultar cribles fóra e esixir á Unión Europea, hai que dar exemplo dende dentro, dende Galicia, incrementando tanto os fondos dedicados á pesca, como, sobre todo, o grao de execución dos mesmos”, afirmou.

Loureiro agradeceu á Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Celeiro e a Confraría de Pescadores Santiago Apóstolo, pola celebración destas xornadas que contaron cun amplo programa e relatores de primeiro nivel, “que converten ó noso concello nun centro de debate e reflexión sobre a situación do sector pesqueiro, e serve de altofalante das súas necesidades e xustas reivindicacións”, indicou.

Así mesmo, sinalou, que para que a Mariña e a provincia teña futuro dende a Deputación consideramos que “é prioritario manter a nosa pesca como sinal de identidade e motor económico e de emprego, polo seu peso no PIB e o seu impacto no deseño da oferta gastronómica e turística”, así como un plan industrial que “levamos  tempo reclamando”. 

As Xornadas de Pesca de Celeiro poñen fin a tres días de intenso debate e reflexión, nos que se combinaron o formato presencial e online. Entre os asuntos de interese que se abordaron destacan temas de calado e de actualidade como a financiación, a xestión marítimo-pesqueira e portuaria, así como o impacto da eólica mariña na pesca, e a Política Pesqueira Común (PPC).