Skip to main content
Viveiro

Por Viveiro pedirá a potenciación do transporte público interurbano

Por 28 Novembro, 2022Sin comentarios

Por Viveiro presentará no próximo Pleno unha moción para a potenciación do transporte público interurbano.

Bernardo Fraga Galdo e Manuel Galdo Dopico, concelleiros do grupo explicaron que “a crise enerxética que estamos a padecer nestes tempos trae consigo un desmesurado incremento nos prezos dos combustíbeis utilizados para o transporte por estrada e que dificultan economicamente os desprazamentos que, de xeito particular, moitos veciños e veciñas de Viveiro precisan realizar”.  

“Tamén hai que ter en consideración que Galicia esta a piques de superar a etapa de illamento ferroviario co resto do estado ante a inminente chegada do AVE as principais cidades galegas, feito que vai supor que miles de viaxeiros cheguen a Santiago ou A Coruña, e que se engaden os usuarios dos aeroportos das devanditas cidades, e que precisan un transporte interurbano áxil para chegar os diferentes destinos”, engaden os viveirenses, “Este e un factor moi importante para Viveiro que esta a padecer unha perda continua de emprego na industria e que ve no turismo o sector primordial para a economía do noso Concello”. 

Estes dous factores, os que hai que engadir os efectos cada vez mais evidentes dun cambio climático pouco menos que irreversible, “debería abondar para que a administración autonómica, tomara medidas para potenciar o uso do transporte público interurbano entre as cidades e vilas de Galicia, incrementado rutas e frecuencias para facilitar os desprazamentos das persoas e minimizar o consumo dos combustíbeis fósiles”. 

A proposta do grupo viveirense é que as rutas con orixe ou destino en Viveiro teñan un mínimo dunha viaxe directa en horario de maña e outra viaxe directa en horario de tarde, proposta que na actualidade solo se cumpre no caso de Lugo de luns a sábado.