Skip to main content
Viveiro

Deputación e Concello de Viveiro cumpriron coas obrigas para o proxecto de Xunqueira

Por 30 Novembro, 2022Sin comentarios

A voceira socialista do Goberno e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este mércores en Santiago xunto coa Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, na reunión da comisión de seguimento do convenio de colaboración asinado pola institución provincial, o Concello e Augas de Galicia, dependente da Consellería de Infraestruturas, para financiar a redacción do proxecto técnico que servirá de base para o acondicionamento do río Fontecoba, no barrio de Xunqueira, co fin de reducir os riscos de inundacións.

No encontro, a Deputada e a rexedora ratificaron o compromiso total da Deputación e a entidade local co proxecto. De feito, ambas entidades cumpriron coas obrigas económicas que lles corresponden no marco do convenio, que ascenden a un total de 23.000€ por cada administración.

Ao mesmo tempo, García Porto e Loureiro expresaron a súa preocupación polo retraso de tres anos que acumula a Administración autonómica na redacción e aprobación do proxecto, un procedemento que é responsabilidade da Xunta de Galicia segundo establece o convenio asinado. 

Desta forma, unha vez firmado o acordo en xullo do ano 2020, a Consellería de Infraestruturas non formalizou o contrato de servizo para a redacción do proxecto construtivo ata case un ano despois, o 10 de xuño de 2021, e logo solicitou varias ampliacións de prazo.

A Xunta pide unha nova prórroga

Na reunión de hoxe, Augas de Galicia pediu unha nova prórroga de seis meses, que a Deputación e o Concello decidiron conceder, “poñendo por riba de todo os dereitos e os intereses” dos veciños e veciñas. “Agardamos que sexa a última e que antes de que remate o prazo máximo, de 6 meses contados a partir do día 31 de decembro, o proxecto, que segundo nos dixeron hoxe atópase en fase de revisión, estea listo”. 

O proxecto contemplará un conxunto de actuacións que pasan, entre outras, polo aumento e naturalización do leito do río, construción dunha pasarela de acceso alternativa, reforzar as cimentacións que foron danadas, ampliación das de dúas pontes, fonte, eliminación de edificios e ruínas pegadas ao leito do río e reubicación do lavadoiro.

A voceira socialista do Goberno subliña que o apoio económico a estas actuacións responde ao compromiso da Deputación de Lugo coa lealdade institucional e coa colaboración entre  administracións públicas para sacar adiante actuacións en beneficio dos veciños e veciñas, “sobre todo cando estamos falando de seguridade, e ata da vida das persoas”.

Ademais desta colaboración, a Deputación financiou cun investimento de 113.000€ a redacción do proxecto e a execución das obras para arranxar as graves deficiencias que provocou a riada do 2018 no cemiterio municipal de Altamira.

Ademais da reparación estrutural da parede, que presentaba problemas de asentamento na esquina situada contra o apeadoiro de tren na Ponte Labrada, renovouse un tramo de recollida de pluviais deteriorado e humanizouse a parte interior do recinto nesta parte sur con beirarrúas e a instalación dunha varanda.