Skip to main content
Lugo

A Cidade de Lugo entregou esta mañá as Medallas de Ouro

Por 30 Novembro, 2022Decembro 1st, 2022Sin comentarios

A Cidade de Lugo entregou esta mañá a máxima distinción do Concello, as Medallas de Ouro, un galardón que este ano recaeu no colectivo Auxilia, na Sociedade Filarmónica, na Escola Ramón Falcón e no Campus Terra. Catro institucións que teñen en común o seu bo facer e unha traxectoria impecable de complicidade coa cidade, da que son coñecedoras varias xeracións de lucenses.

Porén, se cabe, o recoñecemento máis especial foi para honrar a Dario Xohán Cabana, no cabo de ano do seu pasamento, unha das máis grandes figuras literarias galegas contemporáneas e un loitador infatigable a prol da cultura e da lingua galega.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, amosou, nunha nova edición destes premios o seu orgullo “por representar á cidade de Lugo neste acto de gratitude colectiva para con aquelas persoas, colectivos e institucións cuxa implicación en mellorar a vida e o benestar dos cidadáns é incontestable. Unrecoñecemento institucional que se fai, desde hai un lustro, nun dos días máis especiais para Lugo, un 30 de novembro, data na que, hai 22 anos, acadamos a declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade, o que marcou un fito na nosa historia, como tamén marcan a historia de Lugo os persoeiros e entidades que teñen atribuídos méritos verdadeiramente extraordinarios, merecedores desta máxima distinción, e que desde hoxe forman parte xa da riqueza do noso Patrimonio inmaterial”.

A rexedora fixo fincapé en que estes galardóns “son un xesto necesario que lles debemos a todos eles para intentar corresponder a súa entrega, xenerosidade e talento”, ao tempo que incidiu no que representa o traballo dos homenaxeados.

“Un labor que é máis necesario que nunca dignificar, debido ao momento social que vivimos onde o desapego xeral, a mensaxe curta e o ruído mediático gañan, ás veces, as batallas e un legado, o que nos deixan, que figura xa como a herdanza que lles une indisolublemente á modernización do noso municipio”, engadiu Méndez.

Auxilia

Durante o acto, a alcaldesa de Lugo enxalzou a figura de Auxilia. “Da man dos seus voluntarios celebramos neste 2022 o seu medio século de acción en Lugo, aprendemos – os que temos responsabilidade e capacidade de cambiar a cidade – a poñernos no lugar das persoas con diversidade funcional, na súa pel, subindo, por exemplo, a cadeiras de rodas para coñecer e sufrir en primeira persoa, aínda que fose durante pouco tempo, as dificultades e as limitacións arquitectónicas e urbanísticas coas que se atopan, pero tamén os obstáculos sociais e laborais”.

“Unha acción coa que Auxilia impulsa o seu labor de concienciación e sensibilización, que foi e é clave para que Lugo rachase coas barreiras, os estereotipos e os prexuízos, contribuíndo a poñer fin ás desigualdades, a cambiar mentalidades e a rebaixar as inxustizas coas que se atopan os colectivos aos que representan nos distintos ámbitos e etapas da vida, e aos que se lles impedía gozar de dereitos tan esenciais e básicos como trasladarse, acceder sen trabas á educación ou a un emprego e, polo tanto, a ter independencia económica, e en definitiva, a gozar dunha vida plena. Tampouco a transformación da cidade e a súa adaptación ás necesidades das persoas con discapacidade se entende sen a presenza de Auxilia e das súas achegas no Gabinete Municipal de Accesibilidade. Grazas a ese traballo conxunto e de escoita permanente, somos unha urbe máis preparada para que as persoas con máis dificultades de mobilidade se despracen con maior seguridade, comodidade e autonomía, deseñando contornas máis accesibles para os e as lucenses, pero tamén para os nosos visitantes fomentando un turismo sen barreiras”, subliñou a rexedora.

Lara Méndez aproveitou, nese intre, para referir algúns dos recoñecementos que o Concello leva recibido neste eido como son o Premio Nacional Reina Sofía de Accesibilidade no 2007, a Distinción de Destino Turístico Accesible de España no 2015, a Mención Especial nos Premios Europeos de Accesibilidade-Access City Award no 2016, ou a Declaración como Cidade Mapcesible pola Fundación Telefónica no 2019.

“Galardóns detrás dos que tamén estivo Auxilia. Con eles, e grazas a eles, a Aquilino, a Nuria e a tantos e tantos voluntarios, camiñamos sempre na procura dunha cidade integradora e que non descansa na tarefa de acadar unha inclusión plena”, afirmou.

Escola Superior de Arte e Deseño Ramón Falcón

A mandataria local aproveitou a cerimonia para presumir, tamén, dos máis de cincuenta anos da creación en Lugo da Escola Superior de Arte e Deseño Ramón Falcón.

Un centro – lembrou – que naceu como Escola de Artes Aplicadas e Oficios Artísticos de carácter estatal co fin de conservar e acrecentar o cultivo do talento “e que, coa súa evolución e o traballo inxente dos seus profesionais, é xa todo un emblema na formación e na creación artística da cidade, da provincia e de toda Galicia”.

“Gran parte da maxia que respira a Ramón Falcón, e mesmo o edificio onde está asentada, un dos máis interesantes da arquitectura construída en Lugo durante o último terzo do século XX, responde ao forte compromiso na transmisión de coñecementos tanto do equipo directivo como do profesorado. Entre as máximas que fixan a súa acción está potenciar a imaxinación do seu alumnado, incentivar a súa capacidade de experimentar, de intercambiar traballos e proxectos e de atreverse a ser disruptivos e innovadores. Valores e iniciativas que sempre son premiadas”.

Méndez puxo en valor que das súas aulas de ciclos formativos e graos de deseño saíran xa preto de 5.000 persoas de todas as idades, “cunha sólida formación académica pero tamén con competencias emocionais para contribuír, coas súas ideas e creacións de gran valor, a fortalecer a nosa economía e a crear emprego e riqueza local”.

“Entre os muros desta Escola, cheos de vida e enxeño, forxáronse figuras sobresaíntes vinculadas ao mundo cultural e profesionais de primeiro nivel. Entre eles, por exemplo, Diego As, considerado o autor da mellor obra de arte urbana do mundo, o seu Julio César que nos saúda mirándonos desde a Rolda da Muralla e que é xa un dos grandes embaixadores internacionais da cidade e da nosa historia. Falo de Diego como un referente de talento, tesón e constancia, pero hoxe tamén teredes a oportunidade de coñecer de primeira man, e tras este acto, traballos do alumnado nas diferentes disciplinas artísticas, e convídovos a que vos emocionedes coa súa obra tanto como eles o fan amosándoa”, apuntou.

A alcaldesa fixo, igualmente, alusión á persoa que recoñece este centro na súa nomenclatura, Ramón Falcón, “cuxo nome – dixo – pasará tamén asociado a noso ben romano máis prezado porque, sendo director xeral de Belas Artes, impulsou a operación Muralla Limpa e, con ela, o derribo de decenas de inmobles encostados, actuación que hoxe nos permite contemplar séculos de historia en todo o seu esplendor”.

Sociedade Filarmónica de Lugo

As seguintes palabras da rexedora foron dirixidas á Sociedade Filarmónica de Lugo que suma xa 75 anos programando concertos e difundindo a música no noso municipio como un referente cultural de primeiro orde.

Grazas o seu labor, apuntou Méndez, pasaron pola sala de audición do Círculo das Artes de Lugo as Cámaras de Israel, Munich, Viena, Versalles, Berlín, París ou Moscova; a Real Filharmonia e Sinfónica de Galicia ou as sinfónicas de Alemaña, Madrid e Bilbao. Tamén solistas notorios como Narciso Yepes, Miguel Zanetti, Renata Tarragó e Rosa Sabater e directores da calidade de Arámbarri ou Von Benda, así como agrupacións como os pequenos cantores de Viena.

“A oportunidade de escoitar en directo na nosa cidade grupos e solistas tan prestixiosos debémoslla ao traballo incansable das directivas desta Sociedade que, desde a súa creación, aunaron as forzas da mellor tradición filarmónica e situaron a Lugo nun movemento musical que se estaba a producir en toda Europa, permitindo que varias xeracións de lucenses se fosen achegando á música clásica en directo desde o ano 1946, e podendo presumir da alta categoría dos seus intérpretes e do atractivo da selección das súas programacións que, ao longo da súa historia, se conformaron como citas ineludibles das quendas musicais de Lugo. Pero, sobre todo, se de algo se pode sentir orgullosa a Sociedade Filarmónica é da fidelidade e entusiasmo dos seus socios e, como non, da súa capacidade de ir incorporando público e vocacións cada vez máis novas”.

A alcaldesa agradeceu o valioso labor desempeñado pola entidade, ao que atribuíu que Lugo sexa unha cidade referente no ámbito musical europeo coa celebración da Semana da Música do Corpus, coa que o Concello se implica de maneira permanente, e que festexará o seu medio século de vida o vindeiro ano.

Campus Terra

A última das entidades galardoadas esta mañá, foi a Universidade de Santiago de Compostela e, concretamente, o Campus Terra lucense, do que Lara Méndez enxalzou a importancia que adquire cada ano na dinamización da cidade e da provincia e o seu impulso na creación de emprego innovador.

“Cun estreito vínculo co territorio, o Campus Terra é un referente social e científico, non só en Lugo senón en toda Galicia e no resto do ámbito nacional, naquelas áreas de coñecemento vinculadas á sostibilidade económica e medioambiental do uso da terra e dos recursos naturais. Ámbitos onde gaña protagonismo xa que coas súas investigacións contribúe de maneira notable na loita contra a emerxencia climática cun compromiso firme e respectuoso, pero ademais, faino acentuando a súa función formativa dunha cidadanía con capacidade de análise crítica, preparada para mellorar a sociedade cambiante na que vivimos e achegar solucións aos novos retos aos que nos enfrontamos”, destacou.

“Nesta senda de concienciación, a educación superior cumpre un rol primordial e a universidade constitúe así o espazo idóneo para materializalo dada a misión que ten na educación dos futuros profesionais, que deberán actuar desde unha posición destacada ante os desafíos que impón devandito cambio climático nos seus diferentes contextos. De maneira que quero agradecer a implicación do Campus Terra, e significativamente da Pemade, a Plataforma de Enxeñería de Madeira Estrutural, nas nosas estratexias de planificación de cidade e nos proxectos que están a situar a Lugo na vangarda europea da transformación sostible e verde”.

A rexedora recordou nese momento algúns dos proxectos vinculados co Life Lugo+Biodinámico, como o Edificio Impulso Verde ou a creación do que será o primeiro Barrio Multiecolóxico que se construirá desde cero coas máximas esixencias medioambientais, “que fan que a nosa cidade sexa recoñecida nos principais foros mundiais de investigación, de loita contra o cambio climático e de construción sostible”.

E puxo de manifesto que os datos de crecemento que avalan o prestixio da USC en Lugo, que experimentou un incremento dun 40 % nas matriculacións, “nos fai sentir moi orgullosos do gran potencial e de todo o talento que posuímos, destacando a aposta compartida que mantemos no fomento dos valores nos que reside o modelo de cidade e a segunda gran transformación que está a experimentar o municipio, tomando como principal fundamento a sostibilidade”.

Darío Xohán Cabana

Finalmente, as verbas máis sentidas da alcaldesa foron para Darío Xohán Cabana, ao que se referiu como “un dos nosos veciños máis relevantes e queridos e unha das grandes voces das letras galegas contemporáneas, que forma parte xa do corazón e da alma de Lugo, esa alma que distingue as cidades pola categoría das persoas que nela habitan e que a aman”.

“E o amor de Darío por Lugo plásmase nas súas obras – lembremos a Fraga Amurallada, que o mesmo autor definiu como ‘un canto a Lugo a través da súa historia, e sobre todo, da súa historia en vivo’, pero tamén plásmase na súa traxectoria como traballador do Concello de Lugo, onde desempeñou durante trinta anos unha función encomiable e sabia en favor de impulsar a cultura na nosa cidade, e por suposto, deixando a súa fonda pegada como académico e escritor que, de maneira autodidacta, con horas de estudo e un talento inmenso, defendeu a nosa cultura e lingua galega en cada palabra, en cada frase, en cada libro…. en toda a súa traxectoria literaria, sendo académico da Lingua, poeta, narrador, tradutor e ensaísta”.

Méndez lembrou que durante máis de 50 anos, Xohán Cabana cultivou todos os xéneros e publicou máis de 40 obras para todos os públicos, e son numerosos os galardóns que atesoura e que avalan a súa calidade literaria, como os premios “Celso Emilio Ferreiro”, o “Ramón Cabanillas”, o “Cidade de Lugo” de narrativa e “Cidade de Ourense”, os “Xerais” e o “Martín Códax” entre outros moitos. En 1991 foille outorgada, ademais, a Medalla de Ouro da cidade de Florencia pola súa versión da Divina Comedia.

“Darío deixou un baleiro inmenso no mundo das letras e na cidade que o acolleu e á que el tanto achegou con enorme xenerosidade, e agora tócanos a nós, reivindicalo e traballar para que sexa recoñecido en todos os ámbitos onde brillou con luz propia”, afirmou a rexedora.

“Por iso, esta Medalla de Ouro era unha obriga que a cidade tiña con el, cun dos máis grandes, porque sen dúbida un dos obxectivos deste galardón é recoñecer a implicación con Lugo e a súa capacidade para tecer redes de complicidade coa cidadanía e iso, na figura de todos os premiados e, por suposto na de Darío Xohán Cabana, resulta innegable”, finalizou Lara Méndez.

A alcaldesa rematou indicando que o Goberno local continuará esta homenaxe coa creación dun conxunto escultórico, dedicado a súa figura e obra, e bautizando co seu nome o tramo final do paseo da Praza da Mosqueira, o que está próximo á porta de San Pedro.

“Un recoñecemento no ámbito local que debe estenderse ao resto de Galicia, dedicando o Día das Letras Galegas, 17 de maio, ao noso benquerido veciño polo seu compromiso evidente e firme coa nosa lingua e literatura. Sería unha das mellores formas de honrar a súa figura, polo que avanzo todo o apoio do Concello para que así sexa”, concluíu Lara Méndez.