Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Tomé anuncia no Parlamento que os orzamentos da Deputación superarán os 110 millóns

Por 4 Novembro, 2022Sin comentarios

As políticas sociais, explicou, concentran un terzo do orzamento, o que “nos converte nunha das poucas deputacións de todo o país cunha rede de protección social tan ampla e eficaz, que xa é unha sinal identidade desta institución e un referente en España e en Europa polo modelo asistencial ós maiores que temos implantado”.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou  no Parlamento de Galicia que os orzamentos da institución provincial para o ano 2023 superarán os 110M€, un 10% máis ca este ano polo incremento da achega procedente do Estado, e estarán centrados na mellora dos servizos públicos para os veciños e veciñas do rural e o apoio á economía.

Segundo avanzou, o Goberno está ultimando a elaboración das contas provinciais, que elevará ao Pleno ordinario de finais de novembro para a súa aprobación, e que poidan entrar así en vigor a principios de ano, “un obxectivo que cumprimos sempre, dende o inicio do mandato”.

Así o expuxo ante a Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos da Cámara autonómica, afondando en que con estes presupostos “avanzamos na senda que marquei ó inicio do meu mandato”, da que destacou “tres elementos básicos”: “recuperamos a normalidade e a tranquilidade institucional; temos un proxecto ben definido, que responde ás necesidades e que aproveita as capacidades da provincia de Lugo, algo especialmente importante nunha época na que o impacto da pandemia vén seguido das consecuencias da guerra en Ucraína; e levamos un ritmo de xestión e de execución moi elevado”, que se sitúa nunha media anual dun 85% de gasto executado. Neste sentido, incidiu, “practicamos unha política de feitos, que mellora o día a día dos veciños e veciñas dos 67 concellos da provincia”.

Referente en políticas sociais

O presidente explicou que os orzamentos da Deputación para o ano 2023 aséntanse en catro piares: as políticas sociais, a cooperación cos concellos, o apoio ós sectores produtivos e a mellora da mobilidade.

José Tomé concretou que a institución provincial dedica un terzo do total do seu presuposto anual a políticas sociais, o que “nos converte nunha das poucas deputacións de todo o país cunha rede de protección social tan ampla e eficaz, que xa é unha sinal de identidade da Deputación e un referente en España e en Europa polo modelo de asistencia ás persoas maiores que temos implantado en colaboración cos concellos”. “Un modelo público, co que garantimos unha asistencia de calidade; co que favorecemos o arraigo dos veciños ó rural; co que creamos emprego, sobre todo feminino; e co que dinamizamos as economías locais coa compra de produtos de proximidade para o funcionamento dos centros”, recalcou o presidente.

Polo tanto, asegurou, trátase “dunha verdadeira medida de apoio ó rural, una acción eficaz para afrontar o reto demográfico e para fixar poboación no territorio porque, sen servizos públicos e sen emprego, a xente marcha do rural”.

O mandatario provincial afondou en que a economía dos coidados que aplica a Deputación “vai na liña marcada polo Goberno do Estado e gusta en Europa”, tal e como quedou constatado durante a participación da institución, xa por tres ocasións, na Semana Europea das Rexións e Cidades.

6 residencias abertas neste mandato

En canto ós avances no despregue da rede de centros de atención a maiores, o presidente subliñou que mañá mesmo a Deputación inaugurará a residencia de Navia de Suarna e antes de finalizar o ano, a do concello de Ribas de Sil.

Desta forma, no 2023 a institución terá 9 centros de maiores en funcionamento, 6 deles abertos durante este mandato, e ademais traballa para sacar adiante outros 9 proxectos noutros tantos concellos rurais da provincia.

José Tomé confrontou o compromiso da Deputación nesta materia co da Xunta de Galicia, que, a pesar de ter 40 veces máis orzamento ca institución para políticas sociais, non construíu ningunha residencia. “A única explicación é que o Goberno galego non cre no público. Cartos ten, falta vontade política, o que nos obriga ás administracións locais a suplir a súas carencias para manter servizos que son básicos para a cidadanía, como son o servizos sociais”, subliñou.

Inxección de fondos para os concellos

A cooperación cos concellos é outro piar da acción de Goberno da Deputación de Lugo e, polo tanto, dos orzamentos do ano 2023, tal e como expuxo o presidente, quen lembrou que cooperar cos 67 concellos da provincia “para que poidan ofrecer máis e mellores servizos ós seus veciños e veciñas” é a “auténtica razón de ser” da institución.

José Tomé avanzou que co Plan Único a Deputación inxectará 21,5M€ nas arcas municipais o vindeiro ano, un “esforzo moi importante”, pois trátase do 20% do orzamento provincial, mentres que o Fondo de Cooperación Local é de 143M€, apenas o 1,13% do presuposto total da Xunta.

“A diferencia de porcentaxes reflexa moi ben o nivel de compromiso de cada administración cos concellos, como reflexa moi ben o nivel de compromiso coa transparencia e co equilibro territorial o feito de que a distribución dos recursos do Plan Único da Deputación de Lugo faise seguindo criterios públicos e obxectivos. Lamentablemente, seguimos sen poder dicir o mesmo no caso da Xunta de Galicia”, asegurou o mandatario provincial.

O apoio ós sectores produtivos será tamén unha das liñas de actuación centrais da Deputación nos orzamentos, con especial atención ó sector primario, “que é fundamental para a nosa provincia a nivel económico e de emprego, pero tamén polo seu peso social e cultural”, e ó sector do turismo, “que ten un tremendo potencial para impulsar o desenvolvemento do noso rural”.

Feminino Rural, Acelera PEMEs ou Reiníciate

Neste sentido, o presidente destacou que, grazas á “relación directa e fluída” co tecido asociativo vinculado ós sectores produtivos máis importantes da provincia, a Deputación saca adiante numerosos proxectos para dinamizar a economía e o emprego.

Como exemplo, citou o programa Feminino Rural, froito da colaboración coa Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia e que ofrece apoio e asesoramento técnico de maneira totalmente gratuíta a mulleres empresarias e emprendedoras para que poidan mellorar os negocios que teñen en marcha ou favorecer a viabilidade das iniciativas emprendedoras. Ademais, avanzou, en poucos días a Deputación lanzará unha nova acción para incentivar o consumo no comercio de proximidade, que incluirá bonos para os clientes.

A maiores, o presidente explicou que o vindeiro ano a institución desenvolverá o proxecto Acelera PEMEs gracias ós fondos que conseguiu da Unión Europea. Trátase dunha iniciativa destinada a fortalecer e diversificar as pequenas e medianas empresas, sobre todo do rural, coa transformación dixital.

Tamén seguirá adiante co programa Reiníciate, para o que conta con 4M€ de fondos europeos, dedicados a favorecer a creación e o mantemento de emprego nos colectivos que peor o teñen para conseguilo.

Así mesmo, indicou, a Deputación captou 1M€ de fondos europeos para os 29 concellos que forman parte das dúas Reservas da Biosfera que xestiona -Terras do Miño e Os Ancares Lucenses-, uns recursos “que destinará a fortalecer a nosa acción política para impulsar o rural e os sectores primario e turístico dunha maneira sostible”.

No ámbito do turismo, destacou tamén o Parque Central de Galicia, o proxecto que impulsa a Deputación de Lugo para poñer en valor o centro xeográfico da comunidade autónoma, situado en Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante do concello de Antas de Ulla, segundo determinou o Instituto Xeográfico Nacional.

Son proxectos “moi útiles”, cos que “intentamos paliar a baixa eficacia dun Goberno autonómico que, incriblemente, deixa sen executar o 30% dos fondos dedicados a promoción do emprego, e que no ano 2021 non chegou nin á metade da execución en canto á formación de persoas desempregadas”, recalcou o presidente, quen lembrou tamén “que seguimos sen un Plan Industrial para A Mariña, nin para o conxunto da provincia de Lugo, nin bo, nin malo, nin regular”.

30M€ para estradas

Como “factor esencial para o desenvolvemento social e económico dun territorio”, a mellora da mobilidade é un eixo vertebrador das políticas da Deputación de Lugo, cunha dotación económica que aumentou “ano tras ano”, ata que “chegamos a dedicar neste momento un terzo do orzamento, en torno a 30M€, para as estradas municipais e para os 4.217 quilómetros da rede viaria provincial, a máis extensa dunha institución provincial en toda España e tres veces maior ca da Xunta en Lugo”.

Neste ámbito, contrastou o peso do investimento en estradas da Deputación co da Administración autonómica, que dedica “pouco máis de 10M€ no orzamentos do ano 2023 para conservación e mellora de vías na provincia de Lugo.

O presidente subliñou que cos orzamentos para o ano 2023 “mobilizamos todos os recursos da Deputación de Lugo, económicos e tamén de persoal, para poñelos ó servizo dos concellos e do tecido social e produtivo, e, desta forma, darlle un novo impulso á nosa provincia”.

“Os bos gobernantes non son aqueles que máis falan, que máis prometen ou que máis fotos sen fan, senón os que máis executan os orzamentos, os que cumpren cos obxectivos que teñen marcados no seu proxecto e os que respectan a palabra dada ós seus veciños e veciñas”, recalcou José Tomé. “Iso é o que fixemos ata o de agora e o que vamos seguir facendo cos orzamentos do ano 2023 dende o Goberno que teño a honra de presidir na Deputación de Lugo, e contando co gran traballo de todo o persoal da institución. Seguiremos traballando, día a día, para sacar adiante o noso proxecto de provincia, para mellorar a vida da xente e para apoiar a economía. Traballaremos sempre da man dos concellos e do tecido social e produtivo para axudar ás persoas e ás empresas a afrontar do mellor xeito posible estes tempos complexos que estamos a vivir”, concluíu.

PARTIDO POPULAR

O deputado do Grupo Popular Daniel Vega criticou no Parlamento de Galicia ao presidente da Deputación Provincial de Lugo que “manteña conxelado o Plan Único para o vindeiro 2023 logo de ter prometido incrementalo nun 25 por cento”. Así mesmo, lamentou que a partida para investimento en estradas se manteña nos 10 millóns de euros, “a pesar de que o señor Campos e a señora Candia acordaran incrementala ata os 15 millóns de euros”.

Daniel Vega efectuou unha dura valoración das contas da Deputación, das que dixo “nin o presidente Tomé nin o seu partido poden estar orgullosos”. “Vén explicar as liñas mestras duns teóricos orzamentos, pero foi incapaz de facelo en Lugo, ante o Pleno da institución que goberna, polo que estamos ante uns orzamentos que, ano tras ano, vostede intenta agochar aos lucenses”, sinalou.

Daniel Vega afeou a Tomé que, en vez de incrementar o Plan Único, prefira “facer un reparto caciquil dos cartos a través da Xunta de Goberno provincial”. Así, lembrou que no 2022 a Deputación provincial dedicou 3,1 millóns de euros para concellos gobernados polo PSOE (21 convenios); 258.807 euros para concellos do BNG (3 convenios); e 1,6 millóns de euros para concellos do PPdeG, a través dun único convenio. Así as cousas, “resulta que o PP ten o 46% das alcaldías e recibe só o 31,8% dos fondos; o BNG que ten o 5% das alcaldías da provincia recibe o 5,1% dos convenios que vostedes reparten, e, o PSOE, con só o 40% das alcaldías da provincia, recibe o 63,1% dos fondos dos convenios da Deputación provincial”, dixo.

O deputado popular tamén fixo referencia ao tratamento orzamentario á rede de estradas da Deputación lucense. Así, concretou que se prevé manter a partida de investimento nos 10 millóns de euros, 5 millóns para novas obras e outros 5 millóns para mantemento das estradas existentes. Porén, lembrou “o pacto dos ex presidentes da Deputación, o señor Campos e a señora Candia, para destinar a este fin un orzamento total de 15 millóns de euros, unha cantidade que a día de hoxe segue a ser superior á actual”.

En canto a rede de residencias, Vega puxo de manifesto “os reiterados incumprimentos respecto ás previsións e promesas que teñen feito pola provincia adiante”. Neste punto, citou, a modo de exemplo, os casos de Guitiriz (tirada a Casa da Botica e parada a obra), Becerreá (leva un ano construída e está pechada), Pobra do Brollón e Portomarín (van pola terceira empresa contratada para a obra), O Courel, Ferreira de Pantón ou Cervantes).

Ademais, apuntou que “están agochando que o 75 por cento do custe das prazas nestas residencias provinciais está soportado polos propios usuarios”.

Para rematar, Daniel Vega instou a José Tomé a explicar a súa posición en relación coas palabras da dirixente do BNG, viceportavoz desta formación no Parlamento galego e deputada lucense, Olalla Rodil, “que onte mesmo asegurou que as deputacións son entes pouco democráticos e anacrónicos”. “Nós, desde o PPdeG, non compartimos esa visión do nacionalismo galego en relación coas deputacións, porque consideramos que, ben xestionadas, son un instrumento de apoio fundamental para os concellos, especialmente os máis pequenos”, sinalou.