Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Goberno e Deputación poñen en marcha o Plan Invernal

Por 22 Novembro, 2022Sin comentarios

Isabel Rodríguez subliña que o Goberno despregará nas estradas estatais de Lugo 45 quitaneves e 124 operarios para asegurar a circulación ante adversidades meteorolóxicas mentres que 112 operarios e 64 máquinas garantirán a seguridade na rede viaria da Deputación este inverno.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, presentou este martes o Plan de Vialidade Invernal para a provincia de Lugo, no Centro de conservación de estradas de Mondoñedo. No acto, tamén participaron responsables da Garda Civil, Protección Civil e a Unidade de Estradas do Estado na provincia, así como o alcalde de Mondoñedo, Manuel Otero.

Isabel Rodríguez destacou o importante operativo posto en marcha polo Goberno na provincia para garantir a seguridade na circulación polas estradas do Estado durante o inverno, en condicións meteorolóxicas adversas. Así, o Plan de Vialidade Invernal, que se desenvolverá ata o mes de abril, contará este ano cun total de 45 máquinas quitaneves despregadas polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana pola provincia, co obxectivo de facilitar o tránsito de vehículos. Este ano, refórzase o equipamento con 3 quitaneves máis para traballar no porto de Pedrafita do Cebreiro.

O dispositivo que se fai cargo da limpeza das estradas da provincia está composto por 124 operarios de mantemento de estradas distribuídos nos catro sectores de conservación nos que está dividida a provincia. Os medios materiais complétanse con 9.350 toneladas de sal e 2.515.000 litros de salmoira almacenados nos silos. Como cada campaña, estas cantidades forman o acopio inicial que aumentará dependendo das necesidades que se presenten durante o inverno.

A subdelegada explicou que o Plan provincial de Vialidade Invernal contempla a vixilancia e limpeza dun total de 993,09 quilómetros das 13 vías que compoñen a Rede de Estradas do Estado na provincia, así como a vertente leonesa do porto de Pedrafita. Para iso, tamén se efectuou esta mañá a sinatura do Protocolo coa provincia de León para a limpeza da vertente leonesa do porto de Pedrafita.

Ao mesmo tempo, Isabel Rodríguez salientou a colaboración dos diferentes servizos e unidades da Administración do Estado e agradeceu o esforzo do persoal que traballa para dar a máxima seguridade aos condutores e facilitar a fluidez do tráfico na rede de estradas e autovías. Por último, apelou á prudencia dos condutores para prestar atención ás condicións dos vehículos e adaptar a súa condución ao clima e ao estado das vías.

O PLAN DA DEPUTACIÓN

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, e voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, presentou este martes na Fonsagrada o Plan de Vialidade Invernal despregado polo organismo provincial para a temporada 2022-2023. Xunto cos recursos, a institución ten contratadas 8 empresas para labores de conservación e mantemento co fin de facerlle fronte coa maior eficacia e rapidez posibles ás incidencias que poidan provocar as inclemencias meteorolóxicas nos 4.217 quilómetros de estradas provinciais.

O dispositivo está composto por 112 operarios e 48 máquinas, ademais de 12 silos que a institución provincial ten distribuídos por toda a provincia e que dispoñen dun total de 420 toneladas de sal de mina.

García Porto destacou que contar cun protocolo destas características é fundamental para atender as incidencias que se poidan producir na rede viaria provincial, a máis extensa dunha Deputación en España, e garantir así a seguridade e comodidade dos usuarios e usuarias fronte a episodios de meteoroloxía adversa.

O Plan de Vialidade Invernal da Deputación divídese en 8 zonas, todas dotadas con medios suficientes para facer fronte coas maiores garantías posibles ás emerxencias que poidan xurdir. Dos 4.217 quilómetros de estradas, a metade están situados a máis de 600 metros de altitude sobre o nivel do mar, co que iso supón de maior incidencia das inclemencias meteorolóxicas.

Xunto á Deputada, estiveron na presentación o Alcalde da Fonsagrada, Carlos López; o Alcalde de Pedrafita do Cebreiro e Deputado de Medio Ambiente, José Luis Raposo Magdalena; o Alcalde de Castroverde e Deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, José María Arias; o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón; o Alcalde de Ribeira de Piquín e Deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico; o Alcalde de Cervantes, Benigno Gómez Tadín; o de Navia de Suarna, José Fernández Fernández; o de Negueira de Muñiz, José Manuel Braña Pereira; o de Meira, Antonio de Dios; e o de Pol, Lino Rodríguez Ónega.

Balance da temporada anterior

Segundo os datos do servizo de Xestión Territorial da Deputación, o operativo realizou algo máis de 400 intervencións na pasada tempada, tanto preventivas como paliativas. As actuacións máis importantes producíronse nunha nevarada que se rexistrou no Nadal. En total, foi preciso utilizar preto de 2.000 toneladas de fundentes, destacando sobre todo as intervencións nas vías que transcorren polos concellos da Montaña. 

O Plan de Vialidade Invernal leva consigo poñer a disposición dos concellos da provincia sal de mina para que poidan atender os problemas que se produzan nas estradas municipais debido ás condicións meteorolóxicas adversas. Deste xeito, a Deputación garante, non só que as vías provinciais se manteñan limpas e fóra de risco, senón tamén que os concellos poidan afrontar situacións de emerxencia ou causas sobrevidas en calquera estrada subministrándose dos silos que a Deputación ten pola provincia.

Estes depósitos atópanse en Ourol, O Valadouro, Riotorto, Lugo, Becerreá, O Incio, Pedrafita do Cebreiro, Folgoso do Courel, Cervantes, Navia de Suarna, A Fonsagrada e Ribas de Sil. Cada un destes almacéns dispón nestes momentos de 30 toneladas de sal de mina, isto é, dun total de 420 toneladas.

Todos os concellos que precisen abastecerse de fundentes por razóns de urxencia deberán dirixir unha solicitude previa ao Coordinador de Emerxencias da Rede Viaria Provincial co obxectivo de dar unha resposta eficaz e axeitada a cada unha das peticións, así como facer un control ordenado dos recursos.

A mellora da mobilidade é unha das liñas de actuación prioritarias do Goberno provincial, tal e como demostra que nos Orzamentos do ano 2023, presentados esta mesma mañá suben de novo as partidas destinadas a estradas ata alcanzar os 18,3M€