Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

O Pleno da Deputación acorda urxir á Xunta que reforce a atención pediátrica

Por 30 Novembro, 2022Sin comentarios

O Pleno acordou demandar ao Executivo galego un plan de choque que remate coa política de recortes de persoal e que adopte medidas necesarias para solucionar o problema existente nos centros de saúde e nos hospitais onde se viven situacións de colapso.

A Deputación de Lugo úrxelle á Xunta de Galicia un plan de choque que reforce a atención pediátrica na provincia de Lugo, tanto con profesionais como con medios. Así se acordou tras unha moción presentada polo PSdeG no pleno ordinario do mes de novembro que saíu adiante cos votos a favor dos socialistas, nacionalistas e coa abstención do PP.

A institución tamén reclama que o Goberno galego remate coa política de recortes de persoal e adopte as medidas necesarias para repoñer coa maior brevidade posible os cadros de persoal nos servizos de medicina de familia, pediatría e persoal sanitario; e que atenda as reclamacións dos doentes e as organizacións profesionais á hora de deseñar o modelo de atención de urxencias pediátricas, para evitar que a falla de atención nos centros de saúde se traduza logo no colapso dos centros hospitalarios.

A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto,  foi firme á hora de defender o dereito dos nenos e nenas da provincia a unha atención digna e de calidade. Puxo o foco na chegada da gripe e da incidencia das enfermidades respiratorias infantís propias do inverno como a bronquiolite, que fixeron colapsar o sistema. “O pasado día 15 de novembro o delegado do sindicato de enfermaría SATSE, Manolo Veiga, denunciaba o colapso dos servizos das urxencias pediátricas do HULA, así como en varios centros de saúde da provincia”, denunciou. A respecto diso, indicou, “a Xunta fixo caso fixo caso omiso destas declaracións, mesmo retou importancia ás patoloxías que levaron a hospitalizar a 25 nenos en poucas semanas; e tampouco lle prestou atención á manifestación  celebrada o domingo día 20 en Viveiro onde familias e nenos saíron á rúa cargados de peluches e vestindo babeiros con lemas reivindicativos para denunciar a falla de atención pediátrica para os 1.600 menores de Viveiro, O Vicedo e Ourol”.

“Estamos ante un Goberno autonómico que non cre na sanidade pública e aposta por un modelo centralizado que camiña cara unhas urxencias cun sistema saturado ou cara a sanidade privada”, manifestou. “Hai apenas un mes a xerente do Sergas, Estrella López-Pardo Pardo, declaraba que os galegos temos que facernos á idea de que non se pode ter un pediatra en cada concello, e que viña a dicir que para garantir unha atención pediátrica o mellor era concentrar ao persoal dispoñible nas vilas de maior tamaño ou nos hospitais”, reivindicou a Deputada.

García Porto afirmou que “dende a Deputación de Lugo non deixaremos de reclamar á Xunta, tantas veces como faga falla, que adopte as medidas necesarias para garantir o acceso ós servizos sanitarios públicos de calidade ao conxunto dos e das lucenses, con independencia do seu lugar de residencia ou da súa idade. E dende logo consideramos fundamental, polo seu impacto na saúde e pola inquedanza social que xera a súa ausencia, garantir unha boa atención pediátrica”.

Modificación dos orzamentos galegos

O Pleno tamén acordou este martes reclamarlle á Xunta de Galicia que modifique os orzamentos 2023 para solucionar os incumprimentos pendentes coas infraestruturas e o reforzo dos servizos públicos da provincia de Lugo, a raíz dunha moción presentada polo PSdeG que foi aprobada cos votos a favor dos socialistas e nacionalistas e en contra dos populares.

Así mesmo, dende a Deputación pídeselle ao Goberno galego que inclúa tamén un Plan de Reindustrialización que faga fronte á perda de emprego industrial, nomeadamente na comarca da Mariña e que habilite medidas de axuda especiais para a flota lucense afectada pola política de peche de caladoiros á pesca de fondos da Unión Europea. Ademais, tamén se lle reclama á Xunta que amose, a través dos seus presupostos, o apoio ao sector primario, nomeadamente aos gandeiros e agricultores.

A voceira socialista do Goberno deixou patente a “insatisfacción da provincia de Lugo” con estes orzamentos porque “non atende ás demandas reais da veciñanza”. Na defensa

García Porto incidiu en que os presupostos “non teñen proxecto para o país, non desaña o futuro de Galicia e moito menos o de Lugo e, moito menos, ilusiona ás persoas”.

“Dende a Deputación de Lugo non vamos deixar de reclamarlle as medidas necesarias para a provincia do Estado e de Galicia para o avance da nosa provincia e seguiremos reivindicando os incumprimentos pendentes en novas infraestruturas e máis e mellores servizos públicos no noso territorio”, perseverou a Deputada. “Fóra das infraestruturas electoralistas, só vemos que hai menos mestres nas escolas, menos médicos, menos prazas nas residencias públicas, menos industrias, menos rural e menos Galicia, Galicia, Galicia, como anunciaban nos lemas electorais”, manifestou.

García Porto tamén puxo o foco no aumento dos orzamentos deste ano que se deben ás  transferencias do Estado, “o que lle permite a Rueda anunciar un orzamento récord, pero o realmente útil son os proxectos e non as cifras, pero o único que acada son cifras máis elevadas para ofrecer cada vez peores e menos servizos públicos”. Evidenciou que é unha realidade palpable ao ver “a situación da sanidade, da educación, dos servizos sociais ou da economía, que desmontan o triunfalismo falso da Xunta”.

Reafirmou que, en varias ocasións, os proxectos se repiten ano tras ano sen chegar a realizarse ou teñen partidas diferentes. “Un exemplo foi cando Feijóo presentaba 9,9M€ para o corredor Nadela-Sarria, pero nas contas deste ano só constan para esta obra”.