Skip to main content
Antas de Ulla

Inician os traballos de mellora en cinco estradas provinciais en Antas de Ulla

Por 16 Novembro, 2022Novembro 17th, 2022Sin comentarios

Esta semana deron comezo as obras de mellora do firme e a seguridade viaria en cinco estradas provinciais ao seu paso por Antas de Ulla nas que inviste máis de 300.000€.

Por unha banda, a institución mellora o firme de dúas estradas provinciais no concello de Antas por un importe conxunto de 269.822€. Son a LU-P-0304, que vai desde Arcos ata o límite da provincia de Pontevedra, en Salto da Agüela, nun treito duns 4,5 quilómetros dende o inicio da vía; e a LU-P-0305, que vai de Gradoi, na parroquia de Reboredo, ata Cruceiro, en Cutián, nun tramo de 1,2 quilómetros. As obras, cun prazo de execución de un mes e dúas semanas, consisten en ambos casos na limpeza de laterais, drenaxe, pavimentación con aglomerado en quente e sinalización.

Por outra banda, a Deputación está desenvolvendo un proxecto de mellora da seguridade viaria doutras tres estradas cun investimento que supera os 30.000€. En concreto, actúa na LU-P-0301, que une Antas co límite da provincia de Pontevedra por Rodeiro, entre os puntos quilométricos 0,000 e 0,390, onde se limpan as cunetas e se farán cunetas revestidas para mellorar o entronque con dúas vías municipais. Así mesmo, esténdese aglomerado en quente e despois pintaranse as marcas viais brancas e os pasos de cebra, á vez que se instalarán sinais de STOP e de indicación dos pasos de peóns. Logo, na LU-P-0302, que vai do núcleo de Antas ata Borraxeiros por Santa Mariña, no punto quilométrico 0,010; e no caso da LU-P-1809, que conecta Chantada con Antas, a Deputación acomete melloras no treito comprendido entre os puntos quilométricos 16,350 e 24,427. O prazo de execución é dun mes.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, salienta a importancia destas actuacións e recalca que “a mellora das comunicacións é unha prioridade para o Goberno”. Detalla, así mesmo, que “defendemos a mobilidade como un dereito básico dos veciños e veciñas da provincia porque cremos que unha boa rede de estradas é fundamental para o equilibrio territorial e para o desenvolvemento do rural, porque axuda a fixar poboación e a achegar os servizos”. A institución provincial destina 17,3M€ dos seus Orzamentos para o 2022 ás tarefas de mellora do firme, roza de maleza, conservación e mantemento da rede viaria provincial, a máis extensa de todo o Estado e tres veces maior ca da Xunta en Lugo.

A Deputación de Lugo destina este 2022 ao concello de Antas de Ulla máis de 2M€ a través de diferentes vías de actuación que melloran os servizos e calidade de vida dos veciños e veciñas.