Skip to main content
Cervantes

Os traballos no Castro de Santa María de Cervantes sacan a luz restos de varios muros

Por 21 Novembro, 2022Sin comentarios

Unha nova campaña de traballo no Castro de Santa María de Cervantes permitiu sacar á luz restos de varios muros no lado sur do xacemento. Nesta última campaña o equipo de especialistas localizou a existencia de varios elementos murarios superpostos sobre un gran afloramento rochoso. Segundo os primeiros resultados, estes muros forman parte dunha enorme estrutura de delimitación do recinto polo lado sur. Estes novos achados reflicten a gran envergadura da obra de contención que se fixo durante a construción do castro de Santa María de Cervantes, o que permite aumentar o coñecemento sobre este conxunto e mellorar a súa conservación e posta en valor.

Ademais desta escavación, os traballos realizados durante esta última campaña, que contaron cun orzamento de 17.800 euros, tamén incluíron a limpeza manual e a consolidación puntual dos restos arqueolóxicos escavados nos anos 90 nunha superficie aproximada de 700 metros cadrados entre os que se atopan muros, pavimentos e outras estruturas. Ademais, realizáronse traballos de roza na contorna do xacemento.

O xacemento do Castro de Santa María de Cervantes é un dos conxuntos máis importantes para a investigación do fenómeno castrexo en Galicia. Corresponde a un poboado mineiro datado nos séculos I-II da nosa era e está integrado, ademais, polos restos de explotacións mineiras na súa contorna inmediata e por unha igrexa e unha necrópole na súa croa que se remonta cando menos ao século XIV.