Skip to main content
Lugo

Isabel Rodríguez inaugura unha xornada sobre a mercantilización do corpo da muller

Por 2 Novembro, 2022Sin comentarios

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, inaugurou este mércores, na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo, a xornada formativa Mercantilización do corpo da muller no século XXI. Esta actividade enmárcase na iniciativa Meninas 2022, a programación que organiza a Delegación do Goberno en Galicia no marco do 25-N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

Durante a súa intervención, Isabel Rodríguez subliñou a importancia de eliminar esta lacra a través de políticas públicas que defendan e protexan os dereitos das mulleres vítimas de trata, explotación sexual e contextos relacionados coa prostitución. Neste eido, explicou que o Goberno puxo en marcha o Plan Camiño, cun presuposto de 204 millóns de euros, para desenvolver medidas que dean alternativas económicas, laborais e sociais a todas as vítimas. “Queremos acadar a integración destas mulleres, acompañándoas nun camiño tan difícil como é o de saír das garras da explotación. E o facemos con programas de acceso a vivenda, saúde e emprego, así como o acceso á regularización documental das vítimas”, remarcou a subdelegada.

A subdelegada fixo referencia ao último balance realizado polo Centro de Intelixencia contra o Terrorismo e o Crime Organizado con datos relativos ao período 2017-2021, no que se identificaron a 873 vítimas de trata sexual e a 2.227 de explotación sexual. Destas, as nenas e as mulleres son as principais vítimas deste delito e o 50% teñen idades comprendidas entre os 18 e 35 anos. “Para este Goberno non son cifras. Para este Goberno todas as vidas importan, por iso levamos a cabo políticas que axudan a estas mulleres a refacer as súas vidas, freando este tipo de condutas que vulneran os dereitos humanos”, subliñou Rodríguez.

Así mesmo, a subdelegada puxo en valor este tipo de iniciativas que traballan na prevención e desincentivación da demanda, chegando a mozas e mozos a través de xornadas de sensibilización e desde espazos de socialización cruciais para iso. “Porque traballar desde idades tempéranas é fundamental para previr comportamentos machistas no futuro”, salientou.

A xornada formativa estivo impartida por Alberto Miguens e Helga Pita, representantes da ONG Fiet Gratia, con experiencia en procedementos xudiciais de vítimas de delito de tráfico de seres humanos con fines de explotación sexual. Estes profesionais abordaron, xunto ao alumnado universitario, diferentes aspectos relacionados coa trata e a explotación sexual, tales como a situación da educación sexual en España, a realidade das mulleres en situación de prostitución en Galicia e as diversas propostas de desincentivación do seu consumo.

A súa vez, esta actividade clausurou a exposición fotográfica Hackea o Sistema. Transformando o noso modelo social: sen demanda non hai trata, que permaneceu no Campus de Lugo unha semana. Esta exposición forma parte tamén do programa de actividades organizado pola Delegación do Goberno en Galicia co gaio do 25-N en colaboración coas oficinas de Igualdade das universidades galegas e a ONG Fiet Gratia.