Skip to main content
Lugo

O Concello de Lugo destinou este ano un 15% máis á atención das persoas sen fogar

Por 5 Novembro, 2022Novembro 6th, 2022Sin comentarios

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, destacou a especial sensibilidade do Concello de Lugo coa situación das persoas sen fogar, “as que representan a cara máis severa dos procesos de exclusión social. Falamos de persoas que son privadas do acceso a un traballo, a unha vivenda e aos recursos económicos, que se enfrontan á soidade e case sempre á ruptura dos seus vínculos sociais e familiares”, sostivo, e explicou que, para atender a este colectivo, á concellería de Benestar destinou este ano máis de 600.000 euros, “aumentando un 15% máis os recursos económicos para este fin”.

Así o trasladou a rexedora durante a inauguración da xornada Análise da situación das persoas sen fogar, organizada polas asociacións Cáritas e Cruz Vermella en colaboración coa Concellería de Benestar, que dirixe a edil Olga López.

Neste sento, destacou que desde o programa Sen Teito se atenderon no que vai de ano a preto de 300 persoas, e desde o Fogar do Transeúnte se rexistraron máis de 3.200 pernoctas.

Lara Méndez agradeceu a colaboración das asociacións que colaboran co Concello para mellorar a vida destas persoas, “colaboración público-privado enormemente necesaria e da que se obteñen moi bos resultados”.

O Executivo de Lara Méndez vén de revalidar o seu compromiso coa atención a transeúntes renovando a colaboración que o Concello de Lugo mantén con Cruz Vermella e Alume a través do programa municipal Sen Teito.

Logo de autorizarse o convenio esta semana en Xunta de Goberno, a área de Benestar Social que dirixe Olga López Racamonde, destinará 90.000 euros anuais a esta iniciativa que contempla varios eixes de actuación.

A edil explicou que “se ben, un dos obxectivos fundamentais é detectar a persoas que poidan atoparse en situación de rúa, ofrecéndolle os recursos dispoñibles, estes pasan, entre outras prestacións, por unha atención diúrna nas propias instalacións destas entidades, onde poden facer uso – no Caso da Cruz Vermella – de duchas, vestiarios, aseos, cociña e lavandería, e inclúe igualmente a realización de diferentes actividades encamiñadas a adquirir habilidades que favorezan a súa integración”.

A este respecto, a concelleira lembrou que Benestar facilita tamén unha vivenda para o uso transitorio no que persoas en vías de reinserción social e económica reciben apoio e formación para dotarse dos recursos que lles permitan recuperar a súa autonomía.

“Ano tras ano mantemos a vontade máxima de atallar a fraxilidade que sofren estas persoas e de evitar novos casos cunha abordaxe integral dende todas as perspectivas posibles: sanitaria, social, laboral, etc. Unha finalidade á que destinamos todos os recursos que resultan precisos e que xa neste mesmo exercicio se incrementaban nun 15% con relación as necesidades que había antes da chegada da pandemia”, asegurou López Racamonde, ao tempo que lembrou que, para aquelas situacións nas que sexa necesario ou se considere conveniente, o programa Sen Teito ofrece tamén aloxamento en hostais da cidade.