Skip to main content
Lugo

O Concello contará cunha plataforma de xestión integral dos Servizos Sociais municipais

Por 10 Novembro, 2022Novembro 11th, 2022Sin comentarios

Mellorar a xestión da cidade e facilitar o tratamento da información procedente das diferentes áreas municipais, propiciando a interoperabilidade entre departamentos e co resto de organismos públicos cos que se traballa en rede. Ese é o obxectivo da nova plataforma que o Concello de Lugo implantará proximamente para incrementar a eficacia dos Servizos Sociais e co que a alcaldesa, Lara Méndez, continúa avanzando na modernización tecnolóxica da Institución, nesta ocasión, a través da Estratexia Dusi – Muramiñae.

Foi autorizado o inicio do proceso de licitación para adquirir unha aplicación que aúne os datos estratéxicos e dea soporte integral á Concellería de Benestar, favorecendo a abordaxe e tramitación dos expedientes, o acceso e custodia da información e a conectividade cos sistemas informáticos doutras Administracións, como pode ser o da RISGA ou o do Servizo de Atención á Dependencia da Xunta de Galicia.

O contrato, cuxo orzamento base suporá un investimento de 77.440 euros, terá un prazo de execución de 10 meses para a instalación das ferramentas dixitais e outro de 2 anos para o soporte e mantemento, que non poderá ser prorrogado.

A responsable de Benestar Social, Olga López Racamonde, explicou que “esta Plataforma é unha solución tecnolóxica que redundará especialmente na celeridade do labor municipal e que reverterá directamente nas relacións coa cidadanía e co resto de entidades, en tanto incrementará a dilixencia dos procedementos e a funcionalidade das prestación públicas”.

A actuación se enmarca na estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80% polos Fondos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea e ao 20% polo Concello de Lugo.

Por outra banda, López Racamonde, anunciou tamén que na sesión desta semana, o Executivo de Lara Méndez acordou a mobilización de 250.000 € para dar continuidade en 2023 ás axudas de alugueiro convocadas pola área de Benestar.

Unha partida coa que o Goberno local quere achegar recursos para que as familias lucenses poidan afrontar os gastos de arrendamento, paliando as eivas en materia de creación de vivenda pública, que na cidade de Lugo arrastra un déficit dunha década.