Skip to main content
Lugo

Lugo é a cidade co transporte urbano máis barato segundo un estudo de Facua

Por 10 Novembro, 2022Sin comentarios

Un estudo publicado por Facua coloca novamente a Lugo como a cidade co transporte público máis barato de todo o estado. O tenente alcalde, Rubén Arroxo, afirmou que “desde a área de Mobilidade traballamos para que a veciñanza use o transporte público, que co novo modelo de liñas que permiten comunicar máis zonas da cidade cun prezo asequible para todas as persoas”.

O estudo realizado por Facua coloca o billete ordinario do transporte público de Lugo como o máis barato do estado, coa tarifa de 0,64€, un 275% menos que a cidade máis cara (Barcelona, 2,40€ por viaxe). No tocante ao bono ordinario (pagando coa tarxeta cidadá), Lugo ubícase no terceiro posto, cun prezo de 0,31€ por viaxe con transbordos incluídos, sendo só superado por Vitoria (0,30€) e por Burgos (0,24€). “Se non se teñen en conta as bonificacións que achegan outras administracións, que previsiblemente rematarán o 31 de decembro, o bono ordinario de Lugo (0,45€) volve ser tamén o máis barato do estado”, afirmou o Tenente Alcalde, que engadiu “as tarifas redúcense aínda máis no caso de ter dereito a algunha das bonificacións do Concello de Lugo”.

Actualmente, utilizar o bus urbano pagando coa tarxeta cidadá, custa tan só 31 céntimos, mentres que o billete bonificado (mocidade, estudantes, persoas desempregadas, pensionistas e minusválidas) custa 21 céntimos, sendo gratuítos todos os transbordos. Os prezos sen a bonificación estatal eran de 45 céntimos no bono ordinario e de 31 no bono ordinario bonificado.

Para acceder a este tipo de bonificacións, é preciso contar coa taxeta cidadá. Para obtela, deberá cubrirse o formulario que se pode atopar na web do Concello, ou recollelo nas oficinas municipais do seminario, e pagar a taxa de 3,09€ nunha oficina de Abanca. Despois, deberá pedirse cita para retirar a tarxeta nas oficinas do Concello. A recarga do moedeiro será, como mínimo de 5€, cun máximo de 60€.