Skip to main content
Lugo

Benestar oferta unha nova saída cultural para maiores

Por 12 Novembro, 2022Novembro 13th, 2022Sin comentarios

Monforte de Lemos será o destino para a nova excursión municipal que terá lugar o vindeiro venres 25 de novembro. Esta viaxe cultural está enmarcada na Programación de Animación Sociocultural organizada pola Concellería de Benestar Social, Inclusión e Persoas Maiores

Así o deu a coñecer Olga López, quen anunciou que esta excursión municipal fará parada no Museo do Ferrocarril e posteriormente na vila de Monforte de Lemos. A proposta está pensada como actividade recreativa para a socialización das persoas maiores, pero está aberta a toda a veciñanza. Nesta liña, a Concelleira aproveitou tamén para informar que se están programando outras dúas viaxes, unha no mes de decembro e outra en xaneiro a distintos puntos de Galicia, e das que se irá informando nos vindeiros días.

As e os interesados nesta viaxe poderán apuntarse a partir do 16 de novembro nos centros de convivencia Maruja Mallo, Milagrosa ou Uxío Novoneyra, en horario de 10.00 a 13.00 horas. As inscricións realizaranse por rigorosa orde ata o 22 de novembro ou ata cubrir as prazas, un total de 55. A excursión arrincará ás 09.30 horas dende a Praza de Bretaña, regresando ao mesmo punto sobre as 20.00 horas.

Para inscribirse, as persoas interesadas, tras comprobar que existen prazas libres, deberán aboar 4,12 euros a través do modelo de autoliquidación de taxas e prezos públicos 603. A entrada ao museo e a visita guiada por el correrá a cargo do Concello de Lugo e o xantar correrá a cargo das persoas participantes.

Esta excursión súmase á levada a cabo o mes pasado ao Carballiño e ás do verán que visitaron Noia e a Illa de Arousa.