Skip to main content
Lugo

O Culturban volve cunha nova edición do ‘Combate Mural’ e ‘Arte de Portas Abertas’

Por 14 Novembro, 2022Novembro 15th, 2022Sin comentarios

A mostra Arte de Portas Abertas, organizada pola área de Cultura e o Espazo LUPA Arte dentro da segunda edición do Culturban volve a celebrarse este ano. Maite Ferreiro explicou que “queremos achegar o traballo artístico das creadoras e creadores lucenses abrindo os seus obradoiros para que toda a veciñanza poida ver as distintas etapas do proceso creativo e coñecer de primeira man o estilo de cada unha das artistas locais que colaboran nesta iniciativa”.

A mostra conta coa colaboración de 17 artistas, que abrirán as portas dos seus obradoiros, 3 que contarán con espazos no Vello Cárcere e 3 galerías que mostrarán as súas coleccións. Ademais, organizaranse visitas guiadas coa guía lucense Queila polos distintos obradoiros.

A área de Cultura facilitará que a veciñanza poida visitar os obradoiros de 17 artistas os días 19, 20, 26 e 27 de novembro entre as 16 e as 20 horas. Recoméndase concertar as visitas de xeito telefónico con cada un dos obradoiros para facilitar o cumprimento das cabidas de cada instalación.

Na mostra participan Telarete (cerámica e poesía), Sergio Marei e Solaina (arte multidisciplinar), Tuli RG ( ilustración e pintura), Edu Fernández (pintura), Gema López Estudio de Arte (pintura), Andrés Haensel “Haenselus” (mix media e audiovisual), Leira (arte multidisciplinar), Miguel Anxo Macía (pintura), Iago Eireos (pintura e fotografía), Xoan Vila (escultura), Julio Gesto (pintura), Ceniza de Papel (cerámica), Elena Belgrano EduCoHabitar (arquitectura e mix media), Cris Bamio (pintura e fotografía), T de Tete (deseño textil).

Ademais durante os 4 días da mostra, 6 artistas contarán cun espazo no Vello Cárcere. Serán Juan Pablo Mastroiani (pintura), Jo Jo (pintura), Ana Cabanes Fontao (pintura e escultura), Miguel Fernández (ilustración), Martín Blanes (audiovisual) e Carmen Porteiro (fotografía). Ademais, as salas La Catedral I, La Catedral II e Nova Rúa abrirán tamén as súas portas durante a mostra Arte de Portas Abertas.

Durante a mostra a área de Cultura organiza 4 paseos coa guía turística Queila. Terán prazas limitadas por orde de inscrición previa no correo vellocarcere@lugo.gal ou no teléfono 982 297 195.  Estes paseos serán o sábado 19 de 17.00 a 20 con saída desde o Vello Cárcere. O domingo 20 de 17.00 a 20.oo con saída desde o Vello Cárcere, o sábado 26 de 17.00 a 20.00 con saída desde a praza do Campo e o domingo 27 de 17.00 a 20.00 con saída desde o Cei Nodus.

A mostra contará tamén con 4 paseos co guía turístico Guido Álvarez. Terán prazas limitadas por orde de inscrición previa no correo vellocarcere@lugo.gal ou no teléfono 982 297 195. Estes paseos serán o sábado 20 de 19.00 a 21.00 con saída desde a Fonte do Rei (escultura de Antonio Gandoi), o domingo 21 de 16.00 a 20.00 con saída desde o Vello Cárcere, o sábado 27 de 16.00 a 20.00 con saída desde o CEI Nodus e o domingo 28 de 16.00 a 20.00 con saída desde o Vello Cárcere.

Combate Mural

O Combate Mural volve un ano máis dentro da programación de arte urbano Culturban posta en marcha polo Goberno de Lugo en colaboración co espazo LUPA Arte, dirixido polo artista local Iago Eireos. “Retomamos un ano máis esta proposta que nos permite desfrutar dun gran número de intervencións artísticas por toda a cidade, mellorando a imaxe de moitas rúas de Lugo”, explicou Maite Ferreiro.

A terceira edición do Combate Mural terá lugar o vindeiro 10 de decembro. No evento participarán 10 muralistas que se seleccionarán segundo a súa traxectoria artística por un xurado relacionado co mundo das artes plásticas.

As inscricións poderán realizarse ata o vindeiro 2 de decembro, e as e os artistas interesados en participar deberán achegar un currículo e un dossier cos seus proxectos e traballos máis relevantes.

O 5 de decembro comunicaranse os artistas seleccionados para participar no III Combate mural, que terá lugar entre as 9 e as 18 horas do sábado 10, cunha pausa para xantar. O xurado escollerá 3 gañadores, que levarán premios por valor de 1.200, 800 e 600 euros, xunto con dous accésits de 200€. “Un ano máis aquelas persoas que se acheguen polo combate mural poderán desfrutar do proceso creativo das artistas en vivo, asistindo así a todo o proceso artístico, dende o bocetado até o resultado final e achegando deste xeito, unha vez máis, a arte a toda a cidadanía facéndoa visible e tomando as rúas coa actividade cultural”.