Skip to main content
Lugo

O Caudal Fest nominado aos European Festival Awards

Por 24 Novembro, 2022Novembro 25th, 2022Sin comentarios

O Caudal Fest está nominado aos European Festival Awards na categoría de mellor festival de mediano formato, que premia ás celebracións que teñen unha capacidade diaria de audiencia de entre 10.000 e 39.999 persoas.

Desde a súa creación en 2009, os European Festival Awards recoñecen os logros colectivos dos festivais musicais. Son os galardóns máis prestixiosos de Europa e nas súas 16 categorías valoran os logros dos organizadores e provedores no sector e honran aos festivais e ás persoas que dedican especial atención á seguridade, conciencia social, visión de futuro e sostibilidade.

Os premios contan con participación a través de votación, e o prazo para o público está aberto ata o mércores, 7 de decembro, a través de europeanfestivalawards.org.

O Caudal Fest xa acadara na súa primeira edición – 2018 – dúas nominacións a estes galardóns, nas categorías de: Best New Festival (festival revelación) e Best Medium-Sized Festival (mellor festival de mediano formato), repetindo esta última no 2019.

A rexedora lucense amosou a súa satisfacción por estar na lista de nominacións duns galardóns tan relevantes. “Só estar entre os nominados é un logro, aínda que o maior éxito é a rapidez da consolidación e crecemento deste acontecemento musical, o último gran festival de verano de Galicia, que o pasado mes de setembro atraeu a Lugo a máis de 30.000 asistentes, acadando un impacto económico de 4,5 millóns de euros e xerando ao redor de 300 postos de traballo directos e preto de 1.800 indirectos”.

O Caudal Fest prepara xa a súa edición de 2023 nas datas 15 e 16 de setembro coa presenza de grupos tan relevantes e queridos polo público como Leiva, Vetusta Morla, Sidonie, La La Love You, Ojete Calor e Berto Banda, entre outros.