Skip to main content
Lugo

A Gala do Deporte da Milagrosa recoñece a deportistas lucenses

Por 25 Novembro, 2022Sin comentarios

Un ano máis  celebrouse a Gala do Deporte da Milagrosa coa que a Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais deste barrio lucense recoñece anualmente a deportistas e clubs da provincia de Lugo polo seu traballo e traxectoria. Os galardoados nesta edición foron José Antonio Durán, Xoel Teijeiro, Juan Manuel Castro, José Luis Rois,  Manuel Teijeiro, José Manuel Álvarez, Olivia Mon,  Juan Artigas, Miguel Rois, José Castro, Pablo Negro, Alberto Corral, Andrés Pereiro Jandro Pallares, sección de tenis del Fluvial, Muralla Rugby Club e Cidade de Lugo Piragüismo.

A responsable provincial, Pilar Garcia Porto, que entregou cinco do total dos galardóns concedidos nesta edición, felicitou aos premiados e desexoulles moitos éxitos, ao tempo que lles recoñeceu os valores do esforzo, constancia, vontade de superación, convivencia e respecto que representan as súas traxectorias.

“A provincia de Lugo é terra de bos deportistas e, como sociedade, incorporou dende hai moito tempo a actividade física como un elemento clave para a saúde, e como parte importante da formación dos rapaces”, manifestou García Porto. Fixo fincapé nas súas palabras en que estamos nun ano “de grandes acontecementos deportivos, pero lamentablemente, nalgún deles, parece que priman os aspectos económicos e quedan en segundo plano cuestións como a igualdade de xénero, o respecto ás minorías, ao diferente ou aos colectivos LGTBI”, afirmou.

“Se se perde iso, os valores, o deporte perde a súa mellor esencia, a súa capacidade de servir de exemplo para seguir avanzando cara unha sociedade mellor”, afirmou a Deputada. Este encontro, como todos os que impulsa a Asociación de Veciños da Milagrosa, indicou, “é unha cita marcada pola importancia deses valores. A Milagrosa é un barrio senlleiro, de xente chegada de moitos lugares, de moitas culturas. Xente que se esforza por levar adiante os seus soños, ao tempo que constrúe comunidade”.

Seguindo “o lema olímpico que impulsa a tantos deportistas, a Milagrosa quere chegar máis lonxe, con máis fortaleza e facelo con axilidade, con rapidez”, o mesmo obxectivo que dende a Deputación de Lugo “queremos para a provincia, avanzar cara o futuro cunha xestión útil e áxil, que dea resposta aos retos e que fixe novas metas que acadar xuntos”, indicou. Por iso, Pilar García Porto recalcou que as políticas sociais, e dentro delas o apoio ao deporte, “é unha das prioridades sobre as que se asenta a nosa xestión”, xa que, “ademais dun factor para a realización individual, xa sexa de maneira afeccionada ou profesional, é un elemento moi importante o desenvolvemento colectivo, para avanzar cara unha sociedade mellor”.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez tamén participou  na gala e fixo entrega de varios galardóns ademais destacou que esta cita “supón un apoio ao deporte local e un recoñecemento ao gran traballo que realizan os e as deportistas lucenses, así como entidades e clubs da provincia”.

“Esta gala non só pon en valor o deporte nas súas diferentes modalidades, senón que supón unha oportunidade para poñer de manifesto a relevancia do deporte no desenvolvemento turístico e cultural dos nosos municipios. Hoxe falar de deporte é falar de saúde, de educación, de convivencia e de desenvolvemento económico na nosa provincia”, subliñou Isabel Rodríguez.

“Temos que sentirnos orgullosos de contar na provincia cun dos tecidos de asociacións e clubs deportivos máis rico, plural e diverso que hai en Galicia. Un tecido presente nos barrios, como o da Milagrosa, con clubs na alta competición e outros en distintos circuítos e programas locais, provinciais ou autonómicos”, afirmou a subdelegada.

Por último, Isabel Rodríguez felicitou aos deportistas premiados e animounos a seguir traballando nesta liña “porque sodes un exemplo e unha proxección de Lugo en todos os recunchos de España”.

No acto tamén participaron a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o delegado da Xunta, Javier Arias, e o presidente da Federación de Asociación de Veciños da provincia de Lugo, Jesús Vázquez, así como veciños e veciñas do barrio da Milagrosa.