Skip to main content
Lugo

Convocada unha nova edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

Por 25 Novembro, 2022Sin comentarios

Aberto o prazo de presentación de candidaturas ao XXIII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural ata o vindeiro 13 de xaneiro de 2023 organizado pola USC e o grupo empresarial Aresa que asinaron o convenio para a convocatoria da nova edición dun galardón que conta cunha gratificación en metálico de 10.000 euros e que está orientado a distinguir iniciativas a prol do medio rural e da mellora da calidade de vida dos seus habitantes.

O reitor da USC salientou no acto o “fondo compromiso” de Aresa co Campus de Lugo e, nomeadamente, co medio rural galego, cuxo desenvolvemento tamén centra un dos eixes estratéxicos do Campus Terra. Logo de reiterar os seus agradecementos por esta iniciativa, Antonio López referiuse ao Premio Aresa como un dos eventos máis consolidados e con maior poder de convocatoria do Campus de Lugo, tal e como se reflexa no número de candidaturas recibidas cada ano e tamén na elevada afluencia de público que acude ás cerimonias de entrega do galardón.

“A USC é un aliado indispensable para o Premio Aresa”, afirmou Carlota López, para logo engadir que “pasadas xa dúas décadas da convocatoria da primeira edición, o Premio Aresa mantén os obxectivos orixinais cos que naceu, a través dos que pretende actuar como impulso da agricultura e da gandeiría, que son dous sectores fundamentais para a economía da provincia e de Galicia”.

As persoas interesadas en promover candidaturas a este premio a prol do desenvolvemento rural poderán presentar a documentación requirida ata o 13 de xaneiro de 2023 en calquera dos rexistros xerais de que dispón a USC nos seus campus de Lugo e de Santiago, tal e como se recollen nas bases deste premio, que xa están accesibles na web www.aresa-agricola.com .

O reitor da USC, o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga; a adxunta á Presidencia deAresa, Carlota López; a CEO do grupo Leche Río, Carmen Lence; e o presidente da Comisión Científica Externa do Campus Terra, Marius Rubiralta, completan a composición do xurado encargado de fallar a edición 2022 do Premio Aresa, segundo se puxo de manifesto no lugués Pazo de Montenegro.