Skip to main content
Lugo

O Concello valida dous estudos de detalle que reverterán na rexeneración do Centro Histórico

Por 25 Novembro, 2022Sin comentarios

O Concello de Lugo aprobou no Pleno ordinario correspondente á sesión do mes de novembro dous estudos de detalle para diferentes puntos da cidade que posibilitarán o desenvolvemento de importantes actuacións urbanísticas e empresariais.

Entre eles figura o previsto para o recinto amurallado que permitirá agregar as parcelas número 1 e 2 do rueiro 1513, correspondentes aos terreos que ocupaba o antigo Hospital de San Miguel para propiciar a rehabilitación do inmoble, respectando a súa estrutura xa que se trata do único conxunto medieval desta tipoloxía que se coñece na cidade.

O responsable de Sostibilidade Urbana, Álvaro Santos referiu que o Concello abordou con celeridade todo proceso para que a construción, propiedade da Xunta, puidera ser rexenerada tras anos de abandono. “De feito, logo de requirirlle ao IGVS o 6 de xullo que adaptase o documento, non foi até o 23 de setembro cando a Xunta nolo entregou e, nun mes, o Servizo de Arquitectura o tiña informado favorablemente”, explicou o edil.

Santos Ramos destacou, así mesmo, o calado do outro estudo de detalle autorizado esta mañá que “posibilitará a ordenación de volumes nunha parcela do polígono de Acea de Olga, modificando o Planeamento aprobado en 1997 o que propiciará a creación na capital dun novo xeriátrico de titularidade privada que redundará na oferta asistencial do municipio”, engadiu.

“Estas autorizacións sucédense logo de que, trala respectiva exposición pública dos procedementos, non se presentaran reclamacións nin alegacións ao respecto e o resto de organismos houberan emitido o seu informe sectorial con carácter favorable”, aclarou o concelleiro.

A tramitación obriga agora á publicación do acordo de aprobación definitiva no DOG, no prazo dun mes dende a súa adopción e á remisión dun exemplar dos documentos á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para a súa inscrición no Rexistro de Planeamento co fin de que os acordos teñan eficacia.

Financiación do Museo da Romanización

Miguel Fernández, ao respecto das preguntas presentadas polo Grupo Municipal do Partido Popular sobre a financiación do Museo da Romanización aclarou que foi a alcaldesa a que buscou financiamento para o Museo, “porque a Xunta e Feijóo se negaron a financialo, e negáronse a pesar do convenio asinado polas Administracións, onde se recollía este compromiso por parte do Executivo galego. E iso a pesar de que o Museo vai coidar, investigar e difundir un patrimonio que non é exclusivo de Lugo senón que é de todos os galegos e galegas, e de que a titularidade dos fondos arqueolóxicos é da Xunta, como o é a competencia de protexelos”.

O portavoz indicou tamén que, a pesar de que o proxecto para a rehabilitación do inmoble non recibiu financiación europea da primera liña de actuación que se solicitou, “non se pode falar dunha merma de fondos para rehabilitar o Cuartel porque non hai fondos, nin moitos nin poucos, para a obra. E non os hai porque a Xunta non cumpriu os seus compromisos con Lugo. O que houbo foron solicitudes deste Goberno local para acadar parte do financiamento a través dos Fondos Europeos, eses que vostedes tamén votaron que non no Parlamento”.

Miguel Fernández lembrou que as obras proxectadas para o edificio ascenden a 12 millóns de euros e que, actualmente, non existen achegas para afrontar con tan alta contía as tarefas de rehabilitación, “polo que non son fáciles de conseguir” e insistiu, unha vez máis en que o Goberno local “seguirá buscando financiación, tocando todas as portas, tamén as da Xunta de Galicia”.

Medallas de Ouro

Por outra banda, a Corporación municipal respaldou con unanimidade a proposta da alcaldesa, Lara Méndez, para conceder neste 2022 as Medallas de Ouro do Concello ao escritor Darío Xohán Cabana, á Asociación Auxilia, á Sociedade Filarmónica, á Escola Ramón Falcón e ao Campus Terra.

“Trátase – segundo lembrou a rexedora – da máxima distinción que pode conceder a Institución local a entidades ou á cidadanía coas que se quere recoñecer o importante labor que desempeñan e polo compromiso co municipio que demostran as súas traxectorias como motores da vida social, económica, política e cultural da cidade”.

Igualmente acordouse solicitar á Secretaría de Estado de Turismo – e á Axencia de Turismo de Galicia a emisión do informe perceptivo – a declaración do Arde Lvcvs como Festa de Interese Turístico Internacional pola importancia que a mesma terá para a cidade como eixe turístico, de recreación do noso pasado romano e polos beneficios que podería reportar á festa dito título de carácter exclusivamente honorífico.