Skip to main content
Lugo

Avanzan os traballos de peonalización na rúa Camiño Real

Por 29 Novembro, 2022Sin comentarios

Avanzan os traballos de peonalización na rúa Camiño Real, no treito comprendido entre a rúa Concepción Arenal e a Ronda da Muralla. Rubén Arroxo visitou, xunto con Alexandre Penas, o lugar e afirmou que “este treito será a rúa Bispo Aguirre da zona norte da Muralla, recuperando espazos útiles para as persoas”. Os edís mantiveron unha xuntanza con persoal técnico da Concellería de Infraestruturas e da empresa que está a realizar os traballos na que coordinaron os traballos a executar ata final do Nadal. Durante a xuntanza, contouse coas achegas de veciños e comerciantes da zona, que destacaron o bo funcionamento e a ordenación que se está a seguir durante o desenvolvemento dos traballos.

A Concellería de Infraestruturas e a empresa responsable dos traballos facilitarán o acceso peonil á totalidade da vía ata o final do nadal. Os traballos paralizaranse en decembro, entre os días 3 e 11 e do 23 ao 8 de xaneiro, datas nas que por convenio non se desenvolven traballos no sector da construcción. O resto de días laborables, os traballos realizaranse na mesma beirarrúa na que se está a traballar agora, permitindo o tránsito peonil pola totalidade da vía.

“Hoxe puidemos comprobar como este treito conta cun gran tránsito peonil, e durante o nadal toda a veciñanza de Lugo poderá camiñar por esta zona con normalidade”, afirmou o Tenente Alcalde.

O Goberno de Lugo inviste 279.432,31€ nesta intervención, que ten un prazo de execución de 6 meses. Arroxo anunciou que “os traballos estanse a executar ao ritmo planificado para que na primavera todas as veciñas e veciños de Lugo poidamos desfrutar dun novo treito peonil na contorna da Muralla”.

A nova zona peonil manterá o acceso rodado para as e os residentes, e o tráfico procedente da rúa Camiño Real desviarase, percorrendo a rúa Concepción Arenal e incorporándose de novo á Ronda da Muralla a través da rúa das Anduriñas. Este treito terá un mellor acondicionamento ambiental, dado que se instalarán novas verdes con árbores e arbustos. O mobiliario urbano tamén se renovará, instalando bancos con respaldo, ademais de papeleiras e fontes.