Skip to main content
Axenda CaducadaLugo

O Mercado de Nadal celebrá mañá a súa inauguración

Por 30 Novembro, 2022Sin comentarios

A estrea, na praza Maior, do Mercado de Nadal terá lugar mañá 1 de decembro cunha ceremonia inaugural que dará comezo ás 16.30. Neste acto participará a alcaldesa Lara Méndez acompañada polo Señor e a Señora Claus que serán os encargados de abrir as portas do Poboado Miúdo. Dende ás 16:30 e até ás 21:00 horas a Praza Maior locerá con todo o seu esplendor ofrecendo música, actividades e tamén unha saborosa chocolatada.

O poboado, composto por 5 casiñas de cores (vermello, verde, azul, laranxa e morado) – en representación dos diferentes distritos que atende a estratexia Localmente Lucense – exercerá de zona de esparexemento para as crianzas, onde permanecerá instalado un photocall do que poderán saír cunha imaxe para o recordo dun Nadal máxico.

Os nenos e nenas da cidade poderán, alén, poñer a proba todo o seu enxeño no Laboratorio de Xogos, un espazo con múltiples divertimentos no que as e os adultos serán tamén ben recibidos.

A xornada inclúe, así mesmo, unha Disco Móvil dirixida por un elfo que convidará a cantar e a escorrentar o frío a pequenos e grandes por igual, mentres que os seus compañeiros, aproveitando as melodías, dirixirán unha sesión de actividades cooperativas e coreografías para toda a familia.

Como merenda, a área de Cohesión Social – encargada da organización do evento – convidará dende a Cabana de Lambetadas a unha saborosa chocolatada, aderezada polos Zancudos de Laponia, que percorrerán o mercado interactuando coas persoas asistentes e os comerciantes e deixándose retratar sen reparos con quen lle lo solicite.

Serán Os Ildefonsos, tres nenos grandes que seguen tocando as cancións que os facían felices no Nadal, os que, co seu Concerto de Cantos poñan o broche de ouro ao acto.

A alcaldesa, Lara Méndez, convidaba hoxe a toda a cidadanía a participar na apertura das instalacións. “Será unha excelente ocasión para pasar unha tarde divertida, para entrar de cheo no Nadal e, por suposto para impulsar aos negocios da cidade dándolles visibilidade coa mellor escenografía posible”, sinalou.

O Mercado, que manterá unha estética de inspiración europea, estará composto por 20 casetas de madeira que se poñen a disposición dos comerciantes de maneira gratuíta, por quendas semanais.

“A aceptación da campaña non puido ser mellor”, referiu Lara Méndez. “Nadalmente lucense espertou o interese de decenas de establecementos de todos os barrios da cidade e de todo tipo de sectores que, dende este xoves e até o próximo 31 de decembro, poderán achegarnos os seus produtos”.

Así, congregaranse na Praza Maior, comercios do propio Centro Histórico pero tamén das Gándaras, a Residencia, Paradai, San Roque, a Milagrosa e a Avenida da Coruña, Fontiñas, Augas Férreas, Albeiros, Garabolos, Recatelo ou o Sagrado Corazón, ofrecendo mercancía tan variada como artesanía, moda, lámpadas, artigos de regalo e librería ou papelería, fotografía, beleza, antigüidades, floristería e mesmo panedería e alimentación.

“Unha escolma do bo facer de Lugo que seguro será un gran reclamo para saír e vivir a cidade ao tempo que realizamos as nosas compras”, engadiu Lara Méndez.

No Mercado de Nadal terán cabida, tamén, durante todo o mes múltiples actuacións de promoción, divulgación e sensibilización nos distintos barrios da capital, de cara a fomentar o consumo na hostalería e establecementos das diferentes contornas.

Deste xeito haberá: sets decorativos con temática de Nadal nas principais prazas, con buzóns de peticións (Praza Agro do Rolo; Horta do Seminario; Praza de Augas Férreas; Praza Camiño Primitivo; Praza Fonte dos Ranchos e Sagrado Corazón), animación de rúa a cargo de dous animactores caracterizados de elfos navideños; agasallos LocaLmente Lucense de Nadal; e sorteos de vales de compra todos os venres de decembro.