Skip to main content
Monterroso

A CIG recorre as bases de selección de persoal temporal do Concello de Monterroso

Por 12 Novembro, 2022Sin comentarios

A CIG vén de presentar recurso contencioso administrativo contra as bases de selección de persoal temporal do Concello de Monterroso por entender que “son discriminatorias e que conteñen criterios de valoración totalmente subxectivos, que non respectan os principios propios da administración pública, facilitando así unha selección á dedo”.

A CIG de Lugo-A Mariña considera que “as bases para crear as bolsas de emprego no centro de día, a escola infantil e a ocioteca de Monterroso (ás que recorre o Concello para cubrir as ausencias do persoal destes centros) son inconstitucionais por canto unha parte do concurso de selección se realiza en función da idade das persoas aspirantes. É dicir, os puntos de valoración son maiores canto máis novas son as persoas: 5 puntos para as menores de 30, 3 puntos para as que teñan entre 31 e 45 anos e 1 punto para as persoas con máis de 45 anos”.

Este tipo de baremo constitúe “unha clara discriminación por razón de idade, que non responde a ningunha necesidade obxectiva para a prestación dos servizos no ámbito municipal. De feito, valórase máis a idade que a experiencia laboral, que se valora cun máximo de 4 puntos”. Ademais, o Concello circunscribe o 25% do total de puntos a sumar a unha entrevista persoal na que se valorará principalmente a aptitude e actitude. É dicir, “estabelécese un criterio absolutamente discrecional, imposíbel de obxectivar e facilmente adaptábel para cribar e prexudicar determinadas persoas segundo o interese do Goberno municipal”.

Para a CIG, “estes dous baremos teñen como obxectivo discriminar (nomeadamente no caso das substitucións no centro de día) as traballadoras que prestaban servizos na vivenda comunitaria e que foron despedidas o pasado mes de xuño. Coincide que estas traballadoras, pola súa experiencia e formación, eran as que até agora ocupaban os primeiros postos nas listas de substitución para o centro de día”.

Dende o CIG queren “lembrar que estas traballadoras da vivenda comunitaria tiñan presentado nos últimos anos varias denuncias por recoñecemento de categoría profesional  e reclamaran a súa condición de persoal laboral indefinido. Parece que o Goberno municipal non lle chega con deixalas sen emprego e pechar un servizo público, senón que quere castigalas dobremente penalizándoas tamén nas listas de substitución”.