Skip to main content
Navia de Suarna

Navia de Suarna: Ruta do Val do Rao

Por 12 Novembro, 2022Novembro 13th, 2022Sin comentarios

Un roteiro de 9 horas de duración e un total de 24 quilómetros de carácter circular e de dificultade media-alta

Calquera momento é bo para achegarse ás terras de Navia, pero sen dúbida máis, cando as condicións meteorolóxicas aínda permiten un tempo apracible e a vila vive o seu momento de máis actividade.

A ruta do Val do Rao dá comezo a 6 quilómetros de Navia de Suarna, no lugar de Río de Pé, un espazo onde conflúen os ríos Navia e Rao. Esta ruta está denominada como PR-G-56 cunha sinalización en branco e amarelo o longo de todo o percorrido.

Cun total de 24 quilómetros e unha estimación de 9 horas de duración esta é unha ruta de nivel medio na que atoparemos un desnivel total de 500 metros pero na que haberá varias pendentes pronunciadas ó longo de todo o traxecto.

Na confluencia dos dous ríos comeza este primeiro tramo no que percorreremos un vello camiño que antigamente unía as aldeas, a primeira que atopamos é Envernallas, que actualmente está despoboada. O longo de toda a ruta serán varias as aldeas que atoparemos abandonadas e nas que poderemos desfrutar das antigas construcións do Val do Navia, como as vivendas, pallozas ou os hórreos.

O seguinte tramo do camiño introdúcenos un pouco máis no val e atoparemos diferentes elementos etnográficos coma as alvarizas que son construcións circulares de pedra que protexían as colmeas da entrada do oso ou as ouriceiras, pequenas construcións dos soutos para que os ourizos madurasen a salvo do xabarín.

A Cernada, Prebellos, Aigas, Traserra, Becerral, Trabadelo ou Laxo son outras das diferentes aldeas que nos iremos atopando ó longo de todo o traxecto desta ruta. Dende algunhas delas podemos observar os diversos cumios da serra, outras están valeiras ou so acollen habitantes en momentos concreto do ano e noutras poderémonos deter a conversar cos seus veciños.

A ruta, de carácter circular, remata no mesmo punto que dá comezo. As posibilidades que ofrece esta ruta, de grandes desniveis ao longo dos 24 quilómetros, son múltiples para coñecer a riqueza natural, histórica e patrimonial desta zona da provincia de Lugo. Poderemos desfrutar dunha paisaxe moi variada dende partes máis altas das montañas a zonas baixas onde camiñaremos entre bosques de castiñeiros acompañados da tranquilidade e o silencio da contorna que nos sorprenderá pola súa singular beleza.