Skip to main content
Navia de Suarna

O presidente da Deputación inaugura o Centro de Maiores de Navia de Suarna

Por 4 Novembro, 2022Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto ao alcalde de Navia de Suarna, José Fernández Fernández, inaugurou este venres o Centro de Atención a Maiores do municipio, o oitavo da rede pública de residencias da institución provincial. Numerosos veciños e veciñas participaron no acto, co que arrancou a actividade do centro coa realización dos preingresos, o que permitirá que o día 15 os usuarios e usuarios pernocten nas instalacións.

José Tomé Roca amosouse “dobremente satisfeito” por estar en Navia, pola propia apertura do centro, pero tamén por facelo en outono, cumprindo así co prazo ó que se comprometeu co Concello e coa veciñanza durante a xornada de portas abertas celebrada nas instalacións o pasado verán.

“Un bo goberno, realmente útil, non é o que máis anuncios fai, senón o que ten un proxecto e o que cumpre cos seus obxectivos. Isto é polo que traballamos, cada día, na Deputación de Lugo, por sacar adiante unha política de feitos, de realidades, coma este centro, que mellora a vida da xente”, subliñou.

O mandatario provincial lembrou que a residencia de Navia “é o resultado dun longo proceso no que tomaron parte moitas persoas”, polo que deu as grazas ó Alcalde de Navia de Suarna, ós presidentes da Deputación que o precederon, e ó persoal da institución provincial e do Concello, que, co seu labor e implicación, “fixeron posible que hoxe esteamos aquí, abrindo este centro de maiores”.

Con esta residencia, a Deputación de Lugo prestará un servizo “que é moi necesario no rural da nosa provincia, máis se cabe na comarca da Montaña, e que cambiará a vida deste concello a nivel social e a nivel económico”, asegurou o Presidente. Como exemplo da “alma” do modelo asistencial para os maiores que ten implantado a institución provincial en colaboración cos concellos, José Tomé falou dun matrimonio de Navia, que pola súa delicada saúde tivo que ser atendido na residencia de Pedrafita do Cebreiro

mentres non se abría a residencia da localidade, e que agora, unha vez posta en servizo, “regresará á súa terra, ó seu concello, para recibir aquí os coidados que necesita”. Este caso proba que temos “un modelo público, co que garantimos a atención a quen máis o
necesita, unha atención de calidade, e favorecemos o arraigo, e, polo tanto, o benestar físico e emocional das persoas”.

Ademais de todo isto, explicou, “activamos a economía do municipio e da comarca” porque coa apertura do centro “creamos xa, de partida, 25 postos de traballo directos, máis todos os emprego indirectos que virán, e creamos actividade económica, porque os produtos e servizos que necesite a residencia serán de produtores e de negocios da zona”.

Polo tanto, o funcionamento da residencia de Navia “terá un beneficio social evidente, pero tamén un retorno económico importante tanto para Navia de Suarna, como para toda a comarca”, destacou o Presidente da Deputación.

Un investimento provincial de 2M€

A institución provincial fixo un investimento de 2M€ na construción, equipamento e posta en marcha da residencia de Navia, ó que hai que sumar a aportación do Concello, que sumou uns 300.000€. “O esforzo de xestión e económico que estamos facendo dende a Deputación de Lugo, en colaboración cos Concellos, é moi grande, sobre todo se temos en conta que, para todo isto, a Xunta de Galicia, que é a Administración que ten por Lei as competencias, non aporta nada, nin para a construción nin para o funcionamento”, subliñou Tomé Roca.

O Presidente lamentou esta falta de colaboración, algo “inexplicable” dixo, porque precisamente “este é o tipo de políticas públicas que necesita de verdade o noso rural para ter futuro. Esta si que é unha medida eficaz contra o despoboamento”. “Necesitamos servizos públicos e emprego sostible. Esa é a nosa prioridade e o que impulsamos e seguiremos impulsando dende a Deputación de Lugo coa colaboración dos concellos, como facemos hoxe coa inauguración e coa posta en servizo desta residencia en Navia de Suarna”, incidiu.

30 prazas

O Centro de Atención a Maiores de Navia de Suarna conta con 30 prazas e sitúase nunha parcela de 452 metros cadrados distribuídos en tres andares e un semisoto con sala de caldeiras, almacén, lavandería, aseos, vestiarios, cociña e comedor. Na planta baixa está situado o vestíbulo, oficinas, aseos, ximnasio, consulta médica, enfermería, sala polivalente e sala de usos múltiples. Na primeira e na segunda planta están as habitacións.

Rede provincial de centros de maiores

A de Navia de Suarna é a quinta residencia que abre a Deputación de Lugo no que vai de mandato, e a oitava da rede provincial, pois xa están en marcha as de Pol, Trabada, Ribadeo, A Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro e Meira. Antes finalizar o ano, a institución inaugurará o centro de Ribas de Sil, tal e como sinalou o Presidente, polo que no 2023 a Deputación terá 9 residencias en funcionamento, seis delas abertas dende o ano 2019.

Así mesmo, a Deputación traballa para sacar adiante outros 9 proxectos na Pontenova, Portomarín, Guitiriz, Becerreá, A Pobra do Brollón, Ourol, Cervantes, Folgoso do Courel e Ferreira de Pantón.