Skip to main content
Axenda CaducadaPalas de Rei

Adega organiza un novo roteiro este domingo

Por 17 Novembro, 2022Sin comentarios

Adega continua co programa de roteiros cunha novo saída para este domingo que contará cun percorrido de dificultade baixa, arredor da Finca de Quintas, cunha lonxitude de entre 8 e 10 Km.

A Finca de Quintas foi un espazo agrogandeiro de case 200 ha no centro de Galicia, nunha zona relativamente chan entre a Serra do Careón e o río Ulla,  unha paisaxe pouco habitual en Galicia á que contribúe decisivamente o peculiar substrato xeolóxico de rochas serpentiníticas.

É unha zona transitada polo lobo, cunha elevada riqueza de aves e, sobre todo, con vexetación e flora de extraordinaria rareza, que acolle varias especies exclusivas a nivel mundial, catalogadas en perigo crítico de extinción a raíz da acelerada transformación do uso da terra desta comarca nas últimas
décadas.

Neste contexto, a Xunta de Galicia anunciou que quere instalar sobre esta xoia natural unha fábrica de celulosas para elaborar fibras textís a partir de madeira de eucalipto. No roteiro darese a volta a toda a finca, a ambas marxes do río Seco, limite entre os concellos de  Palas de Rei e Santiso, reivindicando a vital importancia de deter a perda de biodiversidade para a saúde do planeta e para un desenvolvemento humano sustentable.

Para máis información e realizar a reserva Adega pon a disposición esta páxina web. As persoas que estean interesadas en reservar praza, terano que facer a través do formulario de reserva antes do venres e cubriranse as prazas por orde de inscrición.

Os roteiros de Adega Lugo están abertos á participación de público de todas as idades. Para máis información, tamén se pode chamar ao teléfono 982 240299 ou escribir a adegalugo@adega.gal.