Skip to main content
Folgoso do Courel

A música de raíz chega ás nenas e nenos do Courel e da Ribeira Sacra con Xavier Blanco

Por 22 Novembro, 2022Decembro 13th, 2022Sin comentarios

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo achega ás cativas e cativos do Courel e da Ribeira Sacra a variedade instrumental e cultural da música de raíz da man de Xavier Blanco.

Seis centros educativos destas comarcas acollerán nestes días as sesións didácticas Aprende raíz nas que o mestre gaiteiro, artesán e  investigador da cultura tradicional Xavier Blanco fará un percorrido pola historia dos instrumentos e dos xéneros musicais, cunha dinámica participativa, pensada para promover o interese pola música de raíz.

A área de Cultura financia estas sesións que xa se iniciaron no CEIP da Pobra do Brollón e que terán continuidade nas vindeiras semanas no CEIP San Clodio de Ribas de Sil (o 25 de novembro), no CEIP Luis Díaz Moreno de Baralla (o 2 de decembro), no CEIP Ricardo Gasset do Incio (o 5 de decembro) e no CEIP de Quiroga (o 9 de decembro).

A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro sinalou que “estas representacións didácticas reforzan o apoio que desde a área de Cultura se presta á música tradicional,  fomentando a súa presenza nas programacións e colaborando con diferentes colectivos que apostan pola investigación, conservación e divulgación” e valorou “a iniciativa de achegar ás xeracións máis novas a nosa música de raíz, que é a base e a fonte de inspiración da música actual”.

A actividade: Aprende Raíz

As sesións céntranse na demostración práctica da riqueza e variedade instrumental e cultural da música de raíz. Dun xeito activo e participativo, Xavier Blanco realizará un percorrido pola historia da música de raíz, desde os instrumentos primixenios, confeccionados con elementos da natureza (asubíos, chamos, cordeiras…) ata os instrumentos propios da música tradicional (gaita, pandeireta, zanfona…). Acompaña ese percorrido dun repertorio que amosa a evolución dos xéneros musicais, dende a muiñeira antiga ata o paso redondo e o trastrás.

As sesións teñen unha duración de 90 minutos e están estruturadas en 3 partes: instrumentos da memoria, instrumentos pobres e instrumentos comúns.

Xavier Blanco, mestre gaiteiro, artesán e técnico en cultura tradicional, dedicou a súa traxectoria profesional e artística á recollida, catalogación e difusión de todo tipo de documentación relacionada coa nosa cultura tradicional, configurando un amplo arquivo sonoro, con pezas transmitidas de xeración en xeración e unha colección de máis de 900 instrumentos tradicionais galegos, clasificados seguindo as súas características físicas, tímbricas e funcionais.

Ó abeiro da Fundación Legar, que promove xunto a Martina Ferradás, traballa nun proxecto para crear en Seara, no concello de Quiroga, un museo que acolla este patrimonio cultural.