Skip to main content
Comarca RIBEIRASACRAXA

O Grupo Socialista reclama maior cobertura do persoal do servizo de prevención e extinción de incendios

Por 28 Novembro, 2022Sin comentarios

A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez, reclama á Xunta que garanta a cobertura do persoal encargado da prevención e extinción de incendios forestais.

A parlamentaria socialista presentou unha proposición para mellorar as condicións laborais deste persoal e garantir a formación adecuada dos responsables do Mando Operativo, que foi rexeitada polo PP.

Carmen Rodríguez Dacosta esixiulle ó goberno galego “que garanta a cobertura da incapacidades temporais e permanentes, das vacacións e baixas que provocan cada ano que o sistema de prevención quede descuberto e se produzan saídas a incendios con brigadas mermadas de persoal”. Puxo de manifesto a gravidade desta situación polo “risco que supón para os traballadores e traballadoras e a ineficacia do dispositivo”.

Alertou do “horizonte indefinido e borroso na situación laboral destes traballadores, que padecen da política nula de cobertura de vacantes por parte do goberno, que os deixa nunha situación de inseguridade xurídica, ademais da evidente descoordinación. Tamén fallan os protocolos de traballo por parte duns xestores que renuncian ó respecto a un convenio colectivo en vigor negociado cos traballadores”.

“O persoal laboral, acode ó traballo con retrasos indebidos en canto á dotación de medios, bases nulas que incumpren a normativa de seguridade e hixiene e continúan sen remodelar as bases de persoal operativo, que nunca chega a concluírse cun persoal contratado 6 meses ó ano, deixando o servizo desatendido na temporada de inverno”.

Mando Operativo

Rodríguez Dacosta responsabilizou ao goberno galego da “desorganización, descoordinación e ineficacia” do novo Mando Operativo do sistema de prevención de incendios, “como quedou demostrado nos grandes incendios do pasado verán”. Daquela, dixo, “foi implantado teoricamente o 2 de xuño pero só no papel xa que foi imposible telo implementado con suficientes garantías ó comezo da temporada de alto risco de incendios que comeza en xullo”.

Reclamou ó goberno galego que “garanta a formación necesaria do persoal do servizo de prevención de incendios asignado ó Mando Operativo de cara á nova temporada de incendios, elaborando as estruturas de actuación e preparando un protocolo de procesos de comunicación. E os cronogramas de actuación de tódolos incendios forestais rexistrados no pasado verán, tal e como figura no Pladiga o ano pasado”.