Skip to main content
Monforte

Queixas no PP pola xestión de Tomé co proxecto de orzamento da Deputación para o 2023

Por 3 Novembro, 2022Sin comentarios

O PP ve as contas que presentará Tomé no Parlamento, sen explicalas antes na Deputación, como “orzamentos do metaverso” do presidente.

O portavoz popular de Foz, Javier Castiñeira, manifesta as queixas do PP acerca do feito de que “un ano máis, Tomé presente no Parlamento de Galicia antes de facelo no seo da propia corporación provincial, o proxecto de orzamento da Deputación para o 2023 cun Plan Único que, lonxe de medrar, redúcese, porque non compensa o incremento do IPC”.

Castiñeira sinala que “Tomé anuncia unha nova devaluación do Plan Único en plena voráxine inflacionista. Coa decisión de Tomé, os concellos perderon  máis dun 20% dos fondos provinciais que pactaron o socialista Campos e a popular Elena Candia mediante un reparto obxectivo”. E engade que “Dende o PP lamentamos unha vez máis ter que coñecer as contas provinciais no Parlamento galego, algo ao que xa nos ten acostumados o presidente da Deputación”.

Os populares critican que “O señor Tomé demostra estar moi lonxe da realidade dos lucenses e prefire ir a Santiago a dar as malas noticias. Tomé está na súa realidade virtual, considera á provincia como un metaverso no que el é o único protagonista; é o único protagonista porque non escoita nin aos seus propios compañeiros, aos que limita en responsabilidades a favor das súas propias”. Os populares din que así “non estraña que nos plenos se esqueza de tantos cargos  e responsabilidades que el mesmo asumiu; no metaverso de Tomé os inimigos son os seus propios compañeiros, porque para que el gañe os demais deben perder”.

O portavoz popular explica que “Dos orzamentos do 2023 só sabemos que os concellos perden e, pola contra, PSOE e BNG terán máis fondos para facer política nas eleccións municipais, unha espiral sen fundamento que Tomé alimenta para satisfacer a súa propia euforia persoal. No xogo de rol no que Tomé se sinte cómodo, el gaña se a maioría perde, nun xogo maquiavélico que afectará  á realidade da maioría dos concellos da provincia”.

En resumo, os populares sinalan que “do pouco que coñecemos do documento, porque non no lo ensinou e polo que dixo o propio Tomé, a devaluación do Plan Único  para o PP é motivo suficiente para o descontento e a desconfianza; é un mal comezo para os orzamentos do 2023, que nós tildamos como os orzamentos do metaverso de Tomé”, afirman dende o partido.