Skip to main content
Monforte

O Equipo de Goberno de Monforte destina axudas para fomentar a creación de empresas

Por 12 Novembro, 2022Novembro 14th, 2022Sin comentarios

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, vén de anunciar que, por sexto ano consecutivo, o Concello de Monforte lanza un Programa de axudas municipais para a creación de empresas.

Esta iniciativa que se leva a cabo coa finalidade de “colaborar dunha forma activa na xeración de emprego no noso municipio, apoiando e fomentando a posta en marcha de novos proxectos e iniciativas empresariais” ten como obxectivo principal “contribuír a fixar poboación en Monforte e propiciar un crecemento e desenvolvemento sostibles, promovendo a creación de emprego estable e de calidade a nivel local e facilitando a incorporación das persoas en situación de desemprego ó mercado laboral”, afirma o rexedor.

O prazo para solicitar as subvencións estará aberto ata o 30 de novembro, logo de que fora publicada onte a convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Lugo.

As solicitudes poderán presentarse, mediante modelo normalizado, no Rexistro Xeral do Concello, na Sede Electrónica municipal ou por calquera outro medio previsto pola Lei de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, e dirixiranse á Concellería de Facenda, Réxime Interior, Servizos Sociais e Discapacidade do Concello de Monforte de Lemos.

A contía prevista para estas subvencións ascende a 30.000 euros, e o importe máximo de cada axuda será de 1.500 euros, non podendo superar o 50% dos gastos efectuados no período indicado. Cómpre destacar que esta cantidade poderá incrementarse nun 25% no caso de que a persoa beneficiaria sexa muller ou unha persoa con discapacidade.

Para poder solicitar estas subvencións, entre outros aspectos, os solicitantes deberán ter o seu enderezo fiscal e social en Monforte, a actividade empresarial ten que ser de nova creación, as persoas promotoras deben estar en situación de desemprego na data de inicio da actividade empresarial e crear, polo menos, o seu propio posto de traballo.

Por outra parte, os autónomos poderán ser beneficiarios das axudas cando formen parte dunha comunidade de bens, Sociedades Civís ou constitúan unha Sociedade Mercantil.

Todos os detalles das bases poden consultarse na páxina web do Concello de Monforte.