Skip to main content
Monforte

O BNG reclama solucións para cubrir as prazas vacantes do Hospital Comarcal de Monforte

Por 17 Novembro, 2022Novembro 18th, 2022Sin comentarios

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón pide solucións tanto para “o deterioro que sofre a sanidade pública na comarca de Lugo como para cubrir as prazas vacantes do Hospital Comarcal de Monforte”.

Ana Pontón, reclamou en Monforte ó Goberno do PP solucións para o deterioro que vive a sanidade pública na comarca de Lugo sur e que tamén afecta ó hospital comarcal, do que, despois dunha reunión coa súa xunta de persoal, denunciou “a falta de recursos e profesionais en todas as categorías dun centro hospitalario no que as listas de espera subiron dende a pandemia un 35% para as e os pacientes que agardan por unha operación e un 50% para as persoas que esperan cita co seu especialista”.

A líder nacionalista avanzou que o BNG vai seguir denunciando os recortes do Goberno do PP e reclamando “solucións para que se cubran todas as prazas vacantes en toda a área sanitaria e todos os especialistas neste hospital que xa non pode prestar moitos dos seus servizos e vese na obriga de derivar pacientes a Lugo ou proximamente ao Barco de Valdeorras”, advertiu.

“Todo isto provoca que en vez de contar cunha atención sanitaria máis próxima, o que fai o PP é alonxar máis á cidadanía da atención sanitaria”, afirmou logo de participar na concentración simbólica en defensa dos servizos da sanidade pública na comarca, á que tamén asistiron o portavoz municipal, Emilio J. Sánchez, o alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Luís Maceda, a deputada Carme Aira e outros responsables locais e comarcais.

Pontón denunciou que “os recortes do Goberno do PP nos últimos 13 anos están poñendo en risco a saúde dos galegos e das galegas ó situar en situación de colapso o sistema sanitario galego con decisións que claramente están debilitando a sanidade pública para beneficiar á privada”.

“Nos últimos 13 anos a Atención Primaria viu como se lle quitaban 2.000 millóns de euros, que non se investiron nela, como se recortaba en persoal, con taxas de reposición que claramente debilitaron o noso sistema público, e como se precarizaban tamén as condicións laborais das e dos profesionais”, incidiu para explicar “as listas de espera para acudir ao médico ou médica de cabeceira, o recorte de pediatras ou o déficit de persoal no hospital comarcal de Monforte”.

A portavoz do BNG fixo un chamamento ó PP para que, no marco do próximo debate orzamentario, “se descabalgue da soberbia e teña disposición para negociar máis recursos para a sanidade pública”. Neste senso, recordou as alternativas que o Bloque pon enriba da mesa e entre as que citou un plan de 200 millóns de euros para reforzar a Atención Primaria e outro de 50 millóns para crear novas especialidades, por exemplo, en saúde mental, ámbito que concentra o 30% das consultas na Primaria.

Ó seu xuízo, son dúas medidas “que se poden levar adiante se hai vontade política, pero o problema que temos é que o PP está convertido nun partido que quere demoler a sanidade pública deste País”, polo que recalcou en que o Bloque vai seguir “defendendo con unllas e dentes” a sanidade pública e reclamando solucións “porque é evidente que temos un problema grave que non pode repercutir na saúde da xente”, concluíu.